HGg&T_226 D.O. MONTERREI, RUTA DO VIÑO _ DÍAS DE VIÑO E VIÑAS
No extremo sureste da provincia de Ourense atopamos unha terra cunha historia intimamente ligada á viticultura que hoxe podemos redescubrir seguindo as pegadas que deixou o viño nas súas pedras. Porque en Monterrei non só atopamos 27 bodegas con visitas e actividades enoturísticas. Tamén podemos viaxar no tempo ata unha época na que non existían bodegas tal e como as coñecemos e os pequenos viticultores elaboraban o viño entre as propias viñas, pisando as uvas en lagares de pedra que ten chegado ata os nosos días.
Oímbra é o concello galego con máis lagares rupestres documentados, entre os que destaca o de Xan Preto, no que se instalou unha espectacular prensa de madeira que trata de reproducir a que usarían no seu día os antigos viticultores.
Un patrimonio vitivinícola que tamén se pode descubrir no Museo Claustro Mercedario de Verín, que recolle unha recreación do grupo escultórico romano Dionisos e Ampelos, atopado na Muradella (Mourazos-Verín), e numerosas pezas relacionadas coa elaboración e transporte do viño.
Pero non só de viño vive a comarca: en Monterrei atopamos a acrópole máis grande de Galicia, en Castrelo de Val a porta de entrada ao parque natural do Invernadoiro, Vilardevós sorprende coas rutas do contrabando pola raia seca e a fervenza da Cidadella, Riós esconde soutos de castiñeiros centenarios…
E así poderiamos seguir, porque a lista do patrimonio da comarca é extensa. Suficiente en todo caso para facer imprescindible reservar cama nun dos aloxamentos vinculados á Ruta do Viño e así dispoñer de varios días para explorar con calma.
Que ninguén se preocupe que tampouco lle faltará sustento, abundan restaurantes nos que poderemos probar especialidades locais como o bacallau, a empanada, o cabrito, bicas… Todo ben maridado cun dos viños desta denominación de orixe que reclama o seu lugar de honra en cada vez máis mesas e fogares.