Este martes celebrouse unha nova xuntanza online para coordinar o traballo dos vindeiros meses entre os GALP e os museos. Nesta reunión aprobouse a incorporación do Museo de Colón de Poio e o Barco-Museo Boniteiro Reina del Carmen de Burela á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos.
O primeiro deles trátase dun museo creado sobre o lugar de orixe de Cristóbal Colón. Un conxunto de vídeos, maquetas e bibliografía fanse eco das informacións que xustifican a teoría de que o personaxe naceu na localidade de Poio. E no segundo caso, o barco boniteiro constitúe un espazo para a recuperación da cultura mariñeira do porto e da comercialización do bonito.
Co Museo de Colón, o Centro de Interpretación do Litoral de Agrelo (que contou co financiamento do GALP Ría de Pontevedra para a súa creación) e o Centro de Interpretación da Natureza de Cabo Udra, ambos situados no municipio de Bueu, xa son tres os espazos da Ría de Pontevedra que forman parte da rede REMA. O obxectivo deste programa é poñer en valor os espazos museísticos que promocionan e difunden as características, o patrimonio e a cultura dos territorios costeiros do Arco Atlántico. Trátase da primeira rede europea na que se dan citan os centros atlánticos e á que se sumaron o pasado ano 27 novas entidades.
Na reunión deste martes tamén se acordou solicitarlle aos espazos museísticos participantes máis información para poder completar as diferentes fases e accións do proxecto: elaborar as miniguías dos centros adheridos que faltan; completar os paneis para a exposición itinerante O océano que nos une para aqueles museos que aínda non os teñen; deseñar un selo personalizado para cada un dos centros de forma que cada visitante marque no Pasaporte REMA (o folleto que recompila todos os espazos que constitúen a rede REMA) os que vaia visitando; revisar os materiais visuais para a posta en marcha do escape room virtual e físico Rema 360 co que se divulgarán os coñecementos mariñeiros entre a rapazada de forma interactiva e participativa.
Estrearase no primeiro Campionato Escape Rema 360 e nel poderán participar todos os colexios galegos de forma gratuíta Así mesmo, pedíuselles ás persoas coordinadoras de cada espazo museístico que indicasen as temáticas sobre as que queren traballar nos tres seminarios técnicos previstos no proxecto. O primeiro deles terá lugar este mesmo ano e farase de forma telemática dadas as limitacións pola Covid-19.
O proxecto de cooperación Pasaporte REMA (Rede de Espazos Museísticos Atlánticos), integrado no plan Morada Atlántica, é unha iniciativa dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia. Nela participan os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible e A Mariña-Ortegal e está liderada polo GALP Costa da Morte. Conta coa financiación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP).