Nova plataforma de comercialización da oferta enoturística das Rutas do Viño


A Cidade da Cultura acolleu a campaña de promoción do enoturismo no turismo de proximidade coa que dar a coñecer as experiencias turísticas vinculadas ás Rutas do Viño.  No acto, co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentouse ademais unha plataforma de comercialización desde a que se ofertarán de forma telemática as reservas para participar nestas experiencias. 

A Xunta destina 134.000 euros a esta campaña de promoción e arredor de 25.000 euros ao lanzamento da plataforma de comercialización. Ambas iniciativas forman parte do convenio entre o Goberno galego e as Asociacións das Rutas do Viño, dotado con 230.000 euros, e que á súa vez se enmarca no programa Galicia Destino Seguro do Plan de Reactivación dos sectores cultural e artístico. 

A través deste acordo, a Xunta apoia tamén ás Rutas do Viño na aplicación das medidas de prevención e os protocolos necesarios para facer fronte á covid-19.  

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou que o enoturismo supón un elemento clave na desestacionalización do turismo galego con experiencias personalizadas que permiten descubrir o interior galego baixo a marca paraugas Enoturismo Galicia, amparada pola Administración autónomica. 

Ademais, sinalou que se trata dun dos productos turísticos que contribúe a diferenciar a oferta da nosa comunidade e promover Galicia como un destino fiable e de calidade, ao abeiro do programa Galicia Destino Seguro, ao que a Xunta destina 8 millóns de euros e que se engloba no Plan de Reactivación do sector, que conta cun investimento de 58 millóns de euros. 

Nesta liña, incidiu en que a imaxe de destino seguro contribuíu a que a comunidade resistise mellor que outras comunidades a época estival e que propostas como o enoturismo axudarán a continuar nese bo camiño nos próximos meses. 

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, salientou que “o viño é o principal elemento dinamizador dos territorios que conforman as nosas denominacións de orixe”. Lembrou, neste sentido, que este sector abrangue unhas 9.000 hectáreas de superficie, con máis de 15.000 viticultores, 400 adegas e unha produción que supera os 60 millóns de quilos de uva anuais. 

Así mesmo, o conselleiro destacou a calidade dos viños galegos, que os convirte -dixo- en “grandes embaixadores” da nosa terra e que xera sinerxías con outros eidos, como o turismo. Neste sentido, apuntou que o enoturismo permite promocionar iniciativas tales como as rutas do viño “nunha simbiose única entre ambos sectores”. Trátase, remarcou, de potenciar e de “aproveitar o rico patrimonio natural, cultural e paisaxístico de Galicia” vinculando toda esa riqueza co mundo do viño nuns territorios como as denominacións de orixe nos que a viticultura ten un papel protagonista.