A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou este venres de que as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra da Deputación superan os 14.300 viaxeiros desde que comezou a nova tempada, hai tres meses. García Porto explicou que “os datos demostran que é unha oferta turística atractiva na nova normalidade, pois reúne grandes fortalezas ao tratarse dunha actividade ao aire libre e en pleno contacto coa natureza”.
Así mesmo, subliñou que “é unha cifra importante tendo en conta que as embarcacións están limitados ao 50% da súa capacidade como medida de seguridade para minimizar o risco de contaxio por Covid-19”
A Deputada de Turismo lembrou que precisamente ese é o principal obxectivo da campaña EN LUGO, SI, que lanzou a Deputación para reactivar o consumo no comercio, a hostalería e o turismo axudando a fortalecer a imaxe da provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades. Ademais como en anos anteriores, as viaxes continuarán ata a ponte da Constitución, a principios de decembro.
O servizo de catamaráns funciona con medidas de seguridade para minimizar o risco de contaxio da Covid-19. A Deputación prioriza a compra de billetes na web reservas.rutasembalses.es No caso de que se deba facer in situ, é preferible que os pagamentos se fagan con tarxeta bancaria. Ademais, é obrigatorio o uso de máscaras de protección e están habilitados dispensadores de xel hidroalcólico, tanto nas instalacións, como nas embarcacións para que se poidan realizar desinfeccións de mans.
O persoal cumpre protocolos específicos e instaláronse paneis informativos para lembrar todas as medidas de seguridade. A información turística pódese descargar mediante códigos QR e a institución flexibiliza as condicións de cambio de data ou cancelación, así como para a devolución do importe do billete durante toda a temporada de viaxes.
Impulso do turismo
García Porto afirmou que esta segunda semana do mes de setembro está a ser “intensa” na área que ela dirixe ao sacar adiante iniciativas que teñen como obxectivo impulsar o turismo na provincia de Lugo porque “é un sector clave para Lugo e un dos máis afectados pola pandemia”, manifestou. Ademais, indicou que os proxectos que saca a Deputación teñen a mesma filosofía “porque cremos que a actividade turística non só debe centrarse nos meses de verán senón que debe ter unha afluencia continua durante todo o ano xa que ademais temos os recursos ideais para facelo”.
“Arrancamos cunha reunión cos alcaldes e alcaldesas do xeodestino Ancares-Courel para adiantarlles a intención da Deputación de Lugo de presentar unha candidatura para optar a un plan do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Con este programa, se nolo conceden, poderemos reportar un investimento de ata 3 millóns de euros para impulsar este territorio da provincia”, lembrou a Deputada.
Ademais, reiterou os seus parabéns aos premiados nos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense que na tarde do xoves acordou o Consello Provincial de Turismo outorgar a cinco iniciativas. Na primeira categoría os galardoados foron: o Concello do Vicedo, a asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra. E na segunda categoría, a que premia as iniciativas gastronómicas, recoñécese a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada.
García Porto explicou que “estes distintivos que entregamos este ano por primeira vez, pero que terán máis edicións, teñen como misión principal recoñecer publicamente a dedicación de empresas, persoas, institucións ou entidades o traballo que desenvolven para promover o turismo na provincia de Lugo”.