Remata o programa “Bosques terapéuticos” no marco da liña de impulso do turismo sostible


Cunha participación de 450 persoas, cubrindo a totalidade das trinta actividades propostas, rematou este pasado domingo o exitoso programa “Bosques terapéuticos” da Deputación de Pontevedra que percorreu entre o 18 de xullo e o 27 de setembro os parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Pontearas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e a Costa de Oia e a Serra da Groba (Oia). A iniciativa, lanzada pola institución provincial por primeira vez este ano no marco da súa liña de impulso do turismo sostible, foi cualificada polas persoas participantes como unha “auténtica lección de amor á natureza” e unha “experiencia moi positiva”, que agardan que teña continuidade nos vindeiros anos. 

O programa, que se presentou con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente e rematou no Día Mundial do Turismo, ofertou ás 450 persoas participantes a posibilidade de establecer unha conexión íntima co medio natural, gozar dos “baños de bosques” e coñecer elementos patrimoniais da paisaxe da provincia pontevedresa como xacementos arqueolóxicos, construcións tradicionais ou áreas recreativas. En total organizáronse trinta rutas aos parques forestais de Freaza, A Picaraña, Cabo Udra, Camposancos e de Oia nas que un máximo de 15 persoas por actividade (debido ás restricións marcadas por mor da covid-19) puideron desfrutar a través dos sentidos dos bosques, percibindo diferentes texturas ou cheiros da natureza e facendo fincapé na importancia da conservación e respecto á contorna. 

Esta nova forma de relacionarse coa natureza, impulsada pola Deputación da man do artista Sergio Portela e do enxeñeiro forestal Alfredo Agra, ten unha forte presenza en países orientais como Xapón ou no norte de Europa. No caso concreto dos “Bosques Terapéuticos” elixíronse parques que forman parte do programa de recuperación e posta en valor que financiou a Deputación de Pontevedra nos últimos anos