O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras aprobou a sinaturadun novo convenio entre o organismo e a Universidade de Vigo para introducir melloras no seu Sistema de Xestión da Certificación de Produto (SGC). A acreditación é unha esixencia da OCM comunitaria para todos os órganos de control de calidade dos consellos reguladores.
“Esta colaboración, iniciada en 2018, foi fundamental para
obtermos a certificación ENAC, que pretendemos revalidar o ano que vén, de novo
coa colaboración do Grupo de Enxeñaría de Organización do Departamento de
Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo”, manifestou o
presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando.
A colaboración que se vai promover entre o Consello Regulador e a
Universidade de Vigo permitirá a plena integración no SGC dos novos métodos de
análises sensoriais do Panel de Cata do Consello Regulador, nos que se ven
traballando dende hai tempo.
Neste sentido, o plan de traballo conxunto entre a D.O. Valdeorras
e a Universidade de Vigo permitirá a continuación do asesoramento na
consolidación e mellora da implantación do SGC. O Consello Regulador poderá
reclamar a presenza dos técnicos da Universidade en catas e probas do Panel de
Cata ou nos plenos do organismo para proporcionar información ou resolver
dúbidas sobre a certificación ENAC.
Tamén se poderá solicitar a presenza dos técnicos en reunións ou
sesións do Comité de Garantías e durante todo o proceso de cumprimento da nova
auditoría de ENAC, que terá lugar previsiblemente en febreiro de 2021.