O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, continúa coa rolda de contactos con representantes do sector turístico para avaliar posibles liñas de colaboración destinadas a reactivar o turismo galego e paliar as consecuencias económicas derivadas da crise sanitaria da covid-19.
Acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo sendos encontros de traballo para escoitar as demandas da Asociación de Balnearios de Galicia e da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga).
Por unha banda, reuniuse co xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, e representantes da entidade, aos que trasladou o compromiso da Xunta co turismo de benestar e saúde, que está a contribuír a reactivar a oferta termal galega ao tratarse dunha proposta especializada e con capacidade de desestacionalización. Ademais, o Goberno galego vén apoiando a este sector na formación dos seus profesionais sobre os protocolos de prevención sanitaria cos que garantir a seguridade fronte ao coronavirus nos seus establecementos.
Por outra parte, o vicepresidente primeiro da Xunta recibiu á presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aguín, e ao vicepresidente da organización, Rafael Serrano. A Xunta e Aviturga avaliaron opcións para seguir a colaborar no cumprimento da lexislación vixente por parte dos propietarios desta tipoloxía de aloxamento co obxectivo de reforzar a imaxe de Galicia como un destino seguro, fiable e confiable.