Axuda máxima de 20.000 euros por solicitude para o aluguer dos locais de ocio nocturno


O Diario Oficial de Galicia publicou onte a orde de axudas para contribuír a sufragar os custos de alugueiro dos locais de ocio nocturno que permanecen pechados desde o pasado 15 de agosto co obxectivo de conter o coronavirus, isto é, discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores. 

O orzamento da convocatoria ascende a 2,2 millóns de euros e inclúese no Plan de Reactivación do sector do ocio nocturno, no que o Goberno galego investiu un total de 6,8 millóns de euros e que tamén conta con apoio para a celebración de concertos e o mantemento do emprego nestes locais. 

Poderán ser beneficiarios das axudas os titulares dun contrato de alugueiro de establecementos de ocio nocturno pechados ao ser afectados pola paralización desta actividade como consecuencia das medidas adoptadas polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades, para previr e conter a covid-19. 

Os contratos de alugueiro deben estar en vigor desde xaneiro de 2020 e permanecer vixentes durante un ano desde que se permita a reapertura do sector, co compromiso de manter a actividade durante ese período. A contía das axudas variará con catro tramos en función do importe mensual do alugueiro. Deste xeito, as axudas poderán acadar ata 20.000 euros como máximo por solicitude no tramo máis elevado. 

As solicitudes deberán presentarse de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta ( https://sede.xunta.gal) durante un prazo dun mes desde mañá. No modelo de inscrición, o solicitante debe incluír unha declaración responsable de que vai manter que o contrato de alugueiro está en vigor na actualidade e que se vai manter durante un ano desde que a situación sanitaria permita a reapertura a actividade do establecemento, e outra que acredite a continuidade da actividade durante ese período.