Comezan as Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2020


O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, abriu esta mañá formalmente as Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2020, que se desenvolverán ata o vindeiro venres no no hotel A Quinta da Auga, en Santiago de Compostela. Cabarcos saudou e agradeceu o labor da vintena de expertos que integran o panel de cata e que valorarán, en catas totalmente a cegas, máis de 400 mostras que foron recollidas nos últimos días por persoal da Agacal, dependente da Consellería do Medio Rural.

Este ano inscribíronse, para optar ás catas, un total de 267 mostras de viño branco e 141 de tinto, procedentes de 155 adegas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas. Así mesmo, rexistráronse un total de 25 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade. Neste caso, oito eran de augardente de Galicia, sete de licor de herbas, sete de licor café, dúas de augardente de herbas e unha de augardente envellecida.

No que atinxe aos viños, entre os días 6 e 21 deste mes de outubro, o persoal da Consellería do Medio Rural recolleu e identificou as botellas participantes nas súas respectivas adegas, co apoio dos responsables de cada selo de calidade. Para garantir que as catas sexan a cegas, todas elas se envolveron en material opaco e introducíronse posteriormente nunha caixa selada. Así, só queda visible o nome da categoría na que participa -espumoso, colleiteiro e pequenas adegas, colleitas anteriores, licor café etc.-, así como o tipo de viño -tinto ou branco-.

Con respecto ás augardentes e os licores tradicionais, recolléronse as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro, dada a gran diversidade de botellas utilizadas na comercialización deste tipo de bebidas. Deste xeito, tamén resulta imposible recoñecelos e identificalos, asegurando a máxima rigorosidade e anonimato.

En relación cos paneis de cata, o de viños está formado por 14 profesionais, mentres o de augardentes o forman un total de sete expertos. En todo momento, garantirase o rigoroso mantemento das condicións hixiénico-sanitarias precisas por mor da covid-19, preservando a máxima seguridade do persoal que intervén no transcurso desta cata-concurso.