Curso sobre desenvolvemento e xestión de proxectos enoturísticos


A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, en colaboración coa Deputación de Lugo, prepara para os días 17, 18, 24, 25 de novembro e 1 e 2 de decembro un curso sobre desenvolvemento e xestión de proxectos enoturísticos que será impartido polo Instituto Galego do Viño, do que é director Xoán Cannas.

Entre as materias teóricas da formación están a historia do viño, a percepción, a uva, o chan, o clima, a viticultura, o traballo en adega, o servizo, a maridaxe, a elaboración de cartas de viño, o mercado e as novas tendencias, a xestión do negocio, as habilidades comunicativas, o enomarketing en hostalería e o produto enoturístico. Como prácticas, realizaranse varias catas de viños galegos e nacionais.

O curso terá lugar no Centro do Viño, en Monforte de Lemos, en horario de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 20:30 h, e será impartido por Xoán Cannas; Majo Peroni, licenciada en Relacións Internacionais, e Juanjo Figueroa, tutor do Curso Superior de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño.