Primeiro Cume Iberoamericano de Políticas Públicas para o desenvolvemento do Termalismo


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no primeiro Cume Iberoamericano de Políticas Públicas para o desenvolvemento do Termalismo, un encontro dixital de carácter internacional para poñer en común as medidas implementadas derivadas da pandemia e coñecer as políticas de reactivación do sector termal. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, tamén participaron na apertura deste evento dixital no que participaron 160 persoas de 17 países. 

Impulsada pola organización de Termatalia, o encontro contou coa intervención de 23 expertos e responsables dos principais destinos termais iberoamericano: España, Portugal e Arxentina, ademais doutros países de América Latina. A través do encontro buscábase compartir boas prácticas entre administracións públicas para favorecer un adecuado desenvolvemento do turismo termal e de saúde, un sector con grandes oportunidades na era postcovid19. 

Destino termal seguro 
Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia fixo fincapé nas iniciativas que o Goberno galego levou adiante neste tempo e que permitiron, por exemplo, que o termalismo galego conte desde o mes de maio cun manual de recomendacións e boas prácticas avalado polo Instituto Español para a Calidade Turística (ICTE). Do mesmo xeito, a Xunta tamén impulsou formacións específicas para que os profesionais deste sector coñeceran polo miúdo os protocolos de prevención e seguridade sanitaria fronte o coronavirus. 

Nava Castro destacou as actuacións da Xunta para a recuperación da confianza do viaxeiro “a través de medidas de inxección económica directa mentres traballamos na difusión da mensaxe de que Galicia é un destino seguro”. 

A directora de Turismo de Galicia destacou, ademais, que a Xunta traballa na posta en marcha de novas medidas que permitan que, tanto o sector termal como o conxunto do sector turístico galego, avance na senda da sostibilidade “apoiándonos en accións que teñen a innovación e a sustentabilidade como eixos transversais de actuación”. 

Con todas estas medidas búscase, en definitiva, a reactivación conxunta da oferta termal galega como unha proposta complementaria ideal que “nos permite contar cunha oferta cun alto grao de especialización e singularidade, con gran capacidade de desestacionalización da demanda, e con poder para a captación de máis segmentos de público combinada con outros produtos ou servizos”, concluíu Nava Castro.