"Un mantel de contos", a tradición oral e gastronómica únense en Lalín


Un mantel de contos é unha proposta cultural ligada á importancia da tradición oral e gastronómica de Galicia. Desta forma, nace un evento singular no que a expresión artística é o contexto ideal para a trasmisión cultural unindo a un dos cociñeiros máis recoñecidos de Galicia, e a un contador de historias excepcional, nun marco único no interior de Galicia como é o Concello de Lalín. 

Esta proposta forma parte da programación #aculturasegue, levada a cabo pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e os Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, na súa labor de apoio e desenvolvemento de proxectos de interese cultural, lingüístico, artístico e turístico do sector cultural galego.

Un dos maiores expoñentes sobre a conexión entre a palabra oral, escrita e a gastronomía foi Álvaro Cunqueiro quen, en máis dunha ocasión, expuxo que para comer ben hai que engadirlle á comida un chisco de literatura e fantasía.

Enténdese así que o modelo que hoxe está a dar resultado é fortalecer a tradición oral e os lazos interpersonáis como trasmisores da cultura dun pobo, por iso, a organización de eventos gastronómicos con outros de carácter cultural e de lecer é unha fórmula mixta que fai que o tradicional se apoie no público consumidor e xere emprego no sector profesional da cultura.

PROGRAMA:

GASTRONOMÍA:
Diego López, leva á fronte do Restaurante La Molinera desde os 22 anos. En 2014 obtivo a distinción de Mellor Cociñeiro do Ano en Galicia, sendo un dos máis novos en obter recoñecemento. Á fronte da Molinera, restaurante de ampla e recoñecida tradición, logrou actualizar a proposta gastronómica sen perder a esencia, converténdose en todo un referente da cociña feita en Galicia.

TRADICIÓN ORAL:
O contacontos Celso Fernández Sanmartín, será o encargado de acompañar e completar a acción a través das súas historias. O seu repertorio está formado por historias tradicionais tan reais e verídicas como o permita a memoria da xente maior que llas relata.