A sétima edición de ‘Escenas do cambio’ aúna 11 propostas provenientes de cinco países


A Xunta de Galicia renova para 2021 o seu festival de inverno, de teatro, danza e arte en acción na Cidade da Cultura, Escenas do cambio, concentrando nunha fin de semana longa de febreiro −desde o xoves 18 ao domingo 21− un total de 11 propostas escénicas procedentes de cinco países: España, Portugal, Francia, Reino Unido e Xapón. Destas pezas, dúas serán estreas absolutas e tres poderán verse por vez primeira en España neste certame, que contará nesta sétima edición con nova directora, a galega Lola Correa.

Así o avanzou hoxe na rolda de prensa de presentación de Escenas do cambio 2021 o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, quen estivo acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; da directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; da concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; da directora do festival, Lola Correa; e dunha representación galega de artistas e compañías que participan: as directoras teatrais Marta Pazos, de Voadora e Ana Vallés, de Matarile Teatro, e as coreógrafas Begoña Cuquejo, Clara Ferrão e Paula Quintas. 

A sétima edición de ‘Escenas do cambio’ mantén a aposta pola danza, por obras anovadoras e por mulleres creadoras. O festival conta en primicia coa última performance de Ana Matey e a peza ‘Escenas en danza’, creada para o Gaiás por seis das mellores bailarinas galegas. Non faltarán artistas internacionais de prestixio como Hiroaki Umeda ou Miguel Moreira escollen o certame para presentar os seus traballos en España, e repiten no festival as recoñecidas compañías galegas Matarile Teatro e Voadora, esta última con ‘Sincro’ que poderá verse por vez primeira en España

Unha importante representación de creadoras nesta rolda de prensa, en consonancia cun festival que sempre rexistra unha alta presenza feminina, como é o caso tamén desta edición, dirixida agora por unha muller. Este marcado acento feminino foi posto en valor pola secretaria xeral da Igualdade na súa intervención como institución colaboradora de Escenas do cambio.

Programa multidisciplinar, internacional e innovador
Completan este programa propostas multidisciplinares como un obradoiro poético de escribir poemas en mistos, impartido por Julio Fer na Fundación Eugenio Granell ou un paseo polas rúas de Compostela co mesmo Robert Walser, interpretado por Marc Caellas, creador que repite no certame con Suicide notes. Estas pezas amosan a expansión, unha edición máis, da programación de Escenas do cambio desde o complexo Gaiás ao centro de Santiago, ao que se lle suma a representación no Centro Dramático Galego da peza portuguesa Antes, de Teatro Praga, unha orixinal e hilarante proposta que xunta un psicoanalista e un dinosaurio.

A representación internacional tamén inclúe a Francia con El cómo quieres, de Toujours après minuit, e do Reino Unido, Psychodrama, a primeira peza colaborativa creada e interpretada polo escritor, actor e músico canadense Christopher Brett Bailey e a compañía de escena experimental Sleepwalk Collective.