Aprobada a moción no pleno pontevedrés para esixir a Xunta un plan de rescate integral da hostalería
A Deputación de Pontevedra celebrou unha sesión plenaria na que se aprobou unha modificación de crédito, por importe de 150.000 euros, que vai permitir que os concellos da provincia de Pontevedra poidan usar as baixas na adxudicación das obras Plan de Reequilibrio do ano 2017, no marco do operativo provincial do Plan Concellos. “Os concellos poderán utilizar estes recursos en investimentos adicionais”, subliñou o voceiro, Carlos Font, que lembrou que “unha vez máis, a Deputación toma decisións para favorecer aos concellos da provincia”.
A orde do día incluíu, ademais, o debate e resolución de tres mocións, das que tan só saíu adiante a presentada polo grupo provincial socialista para esixir da Xunta de Galicia un plan de rescate integral da hostalería e os sectores máis afectados polas medidas sanitarias adoptadas en relación á COVID-19. A moción foi aprobada con 16 votos a favor dos grupos do PSdeG-PSOE e 12 en contra do PP. Durante o debate subliñouse que é competencia exclusiva da Administración autonómica atender a este sector, que o Goberno galego recibiu recursos extraordinarios do Goberno do Estado que lle permiten facer fronte ás consecuencias da pandemia e que, pola contra, os concellos tiveron que asumir numerosos gastos imprevistos sen contar con ningún tipo de financiamento adicional da Xunta de Galicia ou do Goberno do Estado.
“O Goberno da Deputación entende que debe ser a Xunta a Administración que habilite os recursos para facer fronte a súa decisión de pechar a hostalería, baseada en cuestións sanitarias, ao tratarse da Administración competente e dispoñer de recursos suficientes para cubrir tódalas axudas necesarias”, indicou Carlos Font. “Non se pode seguir derivando competencias á Administración local, cando non se deriva con elas ningún recurso adicional. A Xunta debe reverter na economía real as consecuencias das decisións que adopta”, afirmou.
Por outra banda, debatéronse outras dúas mocións coa sinatura do Partido Popular, que foron rexeitadas pola maioría do Goberno provincial. Na primeira pedíase que a Deputación achegara 10 millóns de euros en axudas directas á hostalería. Durante o debate explicouse claramente que a Deputación leva cinco anos prestando unha atención moi especial a todos os sectores económicos da provincia. “Temos moi claro que non vamos permitir que a Xunta continúe eludindo as súas competencias e descargándoas no mundo local, restando aos concellos recursos que teñen que dedicar aos servizos que si son da súa competencia”, dixo o vicepresidente César Mosquera, o que tamén foi referendado por Font, “e ademais, engadiu, non enviando nin un só euro para que os concellos poidan atender á veciñanza ou aos sectores económicos afectados pola pandemia”.
Ademais, votouse en contra dunha segunda moción “popular” pola que se solicitaba a creación dunha Plataforma provincial de comercio online. O deputado Carlos Font lembrou que esta iniciativa iría en contra dos “market places”, creados polos emprendedores do sector privado, e podería incorrer en inseguridade xurídica por ir en liña contraria á libre competencia. Ademais, lembrouse que durante o anterior Goberno provincial, presidido por Rafael Louzán, creouse xa unha iniciativa destas características, financiada con fondos europeos. Font recordou que “aquela plataforma tivo que ser retirada despois de gastar un despilfarro de 1,2 millóns de euros de diñeiro público e, incluso, a Unión Europea abriu unha investigación polo uso dos fondos comunitarios”. Na mesma liña, o vicepresidente Mosquera sinalou que, en todo caso, tería sentido que este tipo de iniciativas as promovera a Xunta de Galicia.