Catro todocamiños híbridos para labores de prevención nos Camiños de Santiago e tarefas medioambientais
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe de 4 novos vehículos todocamiño híbridos para a Policía Autonómica, especialmente equipados para labores de prevención, control e investigación nos Camiños de Santiago e tarefas medioambientais. Trátase dos primeiros vehículos destas características, máis sostibles e con menor impacto para o medio ambiente. Ao acto de entrega asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal.
A Xunta mellora así o parque móbil da Policía Autonómica con estes vehículos que permiten a chegada a zonas de difícil acceso, co obxectivo de reforzar a eficacia e a calidade do servizo das patrullas que se encargan de velar pola protección do medio ambiente e do patrimonio nas distintas rutas xacobeas, ademais de atender e garantir a seguridade dos peregrinos.
Alfonso Rueda reclamou de novo ao Goberno central que “complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, que actualmente se atopa ao 80%, ata contar con alomenos 500 axentes. Deste xeito, co mesmo número de efectivos, os axentes están a ver incrementadas as súas competencias en funcións como o control do cumprimento das medidas de prevención fronte á covid-19 e tamén no reforzo da seguridade de cara ao Ano Santo coa creación dun grupo específico de atención aos peregrinos”.
Por iso, tamén solicitou apoio e autorización do Executivo central para poñer en marcha unha comisaría de atención ao peregrino no Monte do Gozo que se converta no punto de atención policial de referencia no Xacobeo 2021 para os peregrinos que cheguen a Compostela. O Goberno galego comprometese a levar a cabo as actuacións necesarias para acondicionar un pavillón deste recinto e reclama a implicación do Goberno para comezar o proxecto.