O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou no Pazo da Cultura de Pontevedra a nova campaña para fomentar a cultura que a Xunta de Galicia pon en marcha de cara aos próximos meses. Trátase dunha estratexia centrada na dinamización do consumo e na importancia de programar actividades seguras, que se enmarca nas actividades impulsadas ao abeiro do Plan de reactivación cultural.
Tal e como explicou o titular de Cultura do Goberno galego durante a presentación, esta campaña “busca concienciar sobre a necesidade de que todos nos impliquemos no mantemento dun sector que é estratéxico para a nosa Comunidade”. Para isto, establécese unha estratexia que, tendo en conta o contexto no que vivimos, adáptase a todos os soportes para chegar as rúas comerciais das cidades galegas, os medios de comunicación e as principais redes sociais.
Neste sentido, tal e como indicou, a campaña estará baseada en cinco gráficas –teatro, libro, música, danza e cine– e contará tamén cunha forte presenza dixital, a través de plataformas como Instagram, Spotify ou Tik Tok, onde a Xunta de Galicia estará presente por primeira vez, co obxectivo de chegar a todos os públicos visibilizando que a cultura é un dos principais piares da nosa identidade e unha fonte de riqueza e que “debemos seguir participando nela porque a cultura é segura e hai que gozala”.
Interacción e participación
Román Rodríguez incidiu tamén en que esta é unha campaña “moi necesaria” que está pensada “para favorecer á recuperación e reactivación de todos os sectores culturais”, especialmente no contexto do Nadal, onde os produtos culturais poden ser un bo agasallo. Para iso, engadiu, esta estratexia buscará a participación dalgunhas das caras máis recoñecidas do panorama cultural galego para visibilizar a importancia de promover o consumo entre toda a poboación. Esta interacción cos contidos da campaña buscarase a través de cuestionarios e enquisas nas que a xente poderá compartir, entre outras cousas, cal é a súa obra de teatro favorita, o libro que quere que lle agasallen ou o primeiro espectáculo de danza que viu.
O lanzamento desta campaña, tal e como explicou o conselleiro, forma parte dun paquete de medidas deseñado pola Xunta no marco dun Plan de reactivación dos sectores culturais que, dotado con 26,4M€, establece unha folla de ruta coa que paliar o impacto inmediato da crise sanitaria. Trátase dun plan “ambicioso e valente” que inclúe medidas para o conxunto do sector, do que xa se executaron ou están en marcha o 95%, e que está permitindo “dar un pequeno respiro a moitos profesionais e industrias da cultura dun momento de gran dificultade”.
Os responsables da campaña son empresas galegas especializadas que contan cunha ampla experiencia e traxectoria. O deseño foi encargado a empresa pontevedresa OVO e gravado en espazos culturais da Comunidade galega. A responsable da estratexia dixital, pola súa banda, será a axencia Nasas, da Coruña. Tamén é galega a banda sonora do spot: Alalá do Pai Iglesias II do músico Álvaro Iglesias, do Porriño.