A Deputación de Lugo sacou adiante as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021 no pleno da Corporación provincial celebrado este martes e incrementa a dotación económica ata os 21,5M€.
Segundo aclarou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, unha das grandes novidades deste plan é que, “dentro da liña COVID, abrimos unha nova vía para que os concellos poidan apoiar ao sector servizos: á hostalería, ó turismo e ó comercio, actividades que resultaron das máis gravemente afectadas polo impacto da pandemia e que son o músculo da actividade económica da provincia”.
“Con esta nova medida volvemos a demostrar que as políticas da Deputación están pegadas á realidade da provincia de Lugo e que axudan a recuperar os sectores produtivos, dentro das nosas competencias e cos recursos dispoñibles”, subliñou.
García Porto incidiu en que o Plan Único 2021 mantén a súa esencia, como é a distribución dos fondos en función de criterios públicos e obxectivos, como a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento. Ademais, como en anos anteriores, fíxase un máximo de 500.000€ para os concellos de máis habitantes, e de 200.000€ para os concellos que teñen menos habitantes.