A Deputación de Pontevedra promove dous plans de sostibilidade turística para o interior


A Deputación de Pontevedra peresentou aos concellos das comarcas do Condado-A Paradanta e Deza-Tabeirós-Terra de Montes unha novidosa iniciativa para desenvolver sendos plans de sostibilidade turística e así poder captar fondos estatais e europeos para o desenvolvemento do "turismo do futuro". 

A través de dúas xuntanzas telemáticas presentouse a idea ás alcaldesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros, e anuncióuselles que xa se está a traballar na elaboración dun diagnóstico participativo multinivel (políticas, políticos, técnicas e técnicos municipais, sector turístico local e cidadanía) para detectar as potencialidades e necesidades en cada municipio. 

Segundo matizou a deputada responsable da Área de Turismo, Ana Laura Iglsias, a continuación redactaranse as memorias coas que se concorrerá á convocatoria que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo abrirá o vindeiro mes de xaneiro. 

Os tres millóns de euros cos que está dotado cada Plan  de sostibilidade (45 % a cargo do Ministerio, 45 % por parte da Xunta de Galicia e un 10 % da Deputación, polo que o custo para os concellos é cero) ten un prazo de tres anos para desenvolvelos (2021-2024). 

A proposta, que foi favorablemente acollida por varios dos concellos participantes nas xuntanzas, parte da base de que nas comarcas do Condado-A Paradanta e de Deza-Tabeirós-Terra de Montes hai abundancia de recursos pero falta estruturalos en produtos turísticos "empaquetables" para que cheguen con claridade ás persoas consumidoras de turismo que buscan alternativas ao turismo tradicional. 

Durante as dúas xuntanzas, nas que tamén participou o deputado de Réxime Interior e Novas Tecnoloxías, Carlos Font, explicouse polo miúdo que hai "unha ventá de oportunidade" cos fondos de reactivación da Unión Europea e toca adaptarse para non perdela e consolidar un novo modelo que aposte por captar visitantes tanto nos mercados próximos coma nos especializados. 

Os plans de sostibilidade turística en destino poden dirixirse a destinos maduros, coma o xeodestino Rías Baixas, ou a destinos emerxentes, coma esta última iniciativa impulsada pola Deputación para as comarcas do Condado-A Paradanta e Deza-Tabeirós-Terra de Montes. 

O programa, adscrito ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, está dirixido a concellos, mancomunidades e deputacións provinciais e supón unha poderosa ferramenta que permite a consolidación dos destinos achegando o financiamento necesario para aqueles proxectos públicos enmarcados nos principios da Axenda 2030. Neste ano 2020 aprobáronse 25 plans de sostibilidade de destinos turísticos.