O Concello de Pontevedra proxecta un bikepark no parque forestal da Fracha


O Concello de Pontevedra ten proxectado un bikepark urbano para o parque forestal da Fracha. O proxecto foi presentado polo concelleiro responsable de Montes, Alberto Oubiña, en compañía de dous membros do colectivo ciclista de Pontevedra que propuxeron ao Concello esta opción: Manolo Torres e David Amor.

Alberto Oubiña explicou que a parcela escollida é de 14 hectáreas na que se crearán tres rutas de distinta dificultade: amarela, laranxa e vermella. A actuación é mínima para habilitar peraltes, cambios de sentido e descensos de entre 700 e os 1.400 metros, e descensos negativos que oscilarán entre os 70 e os 90 metros. 

Estes descensos serán pola zona de monte e o remonte será por pistas pavimentadas pola comunidade de montes de Marcón, polo que está previsto que sexa sinxelo o seu uso, o que favorecerá que máis xente poida facer estes descensos. A actuación farase ao tempo que se habilita o parque forestal, polo que poderá estar lista na vindeira primavera. 

Por parte do colectivo ciclista, David Amor explicou que este proxecto e “pioneiro e único en España ao tratarse dunhas instalación destas características tan próxima á cidade”. Tamén se amosou convencido de que “imos ser un referente”. 

Alberto Oubiña destacou que “é preciso, nos tempos que corren, diversificar os usos do monte”, polo que na Fracha está prevista “a construción de miradoiros para contemplar as marabillosas vistas da cidade, sendeiros peonís, e agora un bikepark urbano csituado nunha das parcelas que cede a comunidade de montes de Marcón”.