Visita virtual ao Belén Electrónico de Begonte en galego, castelán e inglés

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao representante do Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán, Xulio Xiz presentaron este no Salón de Actos do Pazo de San Marcos un vídeo que facilita a visita virtual ao Belén Electrónico de Begonte. O traballo, ao que se accede na web www.belendebegonte.es, foi realizado polo Servizo de Audiovisuais da Deputación en colaboración cos organizadores do Belén.

García Porto subliñou a importancia deste proxecto que consegue manter a tradición dende a casa “xa que este ano a crise sanitaria non nos permite achegarnos en persoa a descubrir e redescubrir este elemento fundamental do noso Nadal que está declarado Ben de Interese Turístico Galego”. 

Durante uns dez minutos, a produción audiovisual amosa a nacemento articulado máis senlleiro de Galicia, cun percorrido pola instalación formada por un cento de pezas, máis da metade articuladas e móbiles, que representan os costumes e oficios tradicionais galegos.

O nacemento ten versión diúrna e nocturna. Labores como cortar leña ou mallar, e personaxes como o carpinteiro, o oleiro, ou o pescador cobran vida durante o día. Ao chegar a noite, cesa o movemento e as luces das casas acéndense e a atención céntrase no Portal e nos Reis Magos. As imaxes van acompañadas dunha amena narración da historia e detalles do proxecto en tres idiomas, galego, castelán e inglés.

A Deputada puxo de manifesto o importante traballo que o Servizo de Audiovisuais provincial realiza para a difusión e divulgación da actividade social, cultural e turística dos concellos da provincia.

40.000 visitas no Nadal

O Belén Electrónico leva en funcionamento de xeito ininterrompido dende que en 1972, o párroco de Begonte, José Domínguez Guizán o puxo en marcha xunto ao artesán local José Rodríguez Varela. Dende entón, converteuse nunha cita imprescindible das festas do Nadal. No ano 2014 foi declarado Festa de Interese Turístico Galego Galego.

En case medio século de vida, é a primeira vez que non se pode acudir ao Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán para contemplar a representación, que nestas datas recibía máis de 40.000 visitantes. A pandemia obrigou aos organizadores a buscar unha alternativa para mostralo sen poñer en risco ás persoas.