Zafarrancho de limpeza nos restos arqueolóxicos de Pontevedra


O Concello de Pontevedra rematou os traballos de limpeza dos dous espazos arqueolóxicos da cidade, os conxuntos da praza de Valentín García Escudero e do Campiño de Santa María. Os traballos afectan tan só ás propias estruturas arqueolóxicas e á contorna máis inmediata, e consisten na retirada de vexetación e na limpeza manual. 

No caso da praza de Valentín García Escudero procedeuse á limpeza do xacemento que inclúe os vestixios da Ponte do Burgo mediaval, un tramo de muralla do século XVI e o malecón portuario do XV, así como á retirada de lixo acumulada neste espazo. No caso do Campiño de Santa María, os labores de limpeza atinxiron aos restos medievais do paño da muralla e da casa torre dos Montenegro. 

Estes traballos foron realizados, na súa maior parte, exclusivamente de xeito manual e baixo a supervisión e indicacións do técnico municipal de patrimonio cultural, co obxectivo de non provocar ningún tipo de alteración nos distintos muros de ambos conxuntos. Estes traballos de mantemento periódico están enfocados a manter ambos espazos en boas condicións tanto de conservación como de visibilidade.