José Tomé Roca apoia á creación dun fondo común de rescate para o sector da hostalería

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mostrou o seu apoio á creación dun fondo común de rescate para o sector da hostalería e o turismo ao que a Xunta, as deputacións e os grandes concellos galegos destinen o 1% do total do orzamento deste ano 2021. “Estamos dispostos a seguir colaborando para apoiar a un dos sectores máis afectados pola pandemia, do que dependen 66.000 empregos e que representa o 4,5% do PIB en Galicia, cunha fórmula proporcional e xusta, pois cada administración aportaría en función dos recursos económicos dos que dispón”, subliña José Tomé.

A suma do 1% dos orzamentos da Xunta de Galicia, das catro deputacións provinciais e das sete grandes cidades galegas permitiría crear e coordinar un gran plan de axudas directas ao sector por importe de máis de 140M€, un importe case tres veces superior aos 50M€ que propón o Goberno galego. Este fondo común estaría máis adaptado ás necesidades e á realidade do sector permitindo outorgar axudas de maior contía a hostaleiros e empresas do sector turístico e unha tramitación máis simple, con menos burocracia, ao tramitarse unha única solicitude.

O Presidente destacou o importante esforzo que este compromiso económico supón para a Deputación, tendo en conta que a institución provincial non ten as competencias, pois estas son da Xunta de Galicia, e tendo en conta, ademais, que a súa parte do plan de rescate sairía dos recursos propios, xa que as administracións locais non recibiron da Administración galega nin un só euro extra para combater a pandemia, mentres que a Xunta si recibiu xa cuantiosos fondos extraordinarios para este fin: no 2020 o Estado transferiulle 224M€ a través dos fondos Covid, e acaba de anunciar o reparto doutros 441M€.

Neste sentido, o Presidente espera que a Xunta de Galicia clarifique que cantidade de fondos propios aportaría ao fondo común, xa que, recalcou, mentres nin a Deputación, nin ningunha administración local de Galicia recibiu ata o de agora fondos extra para paliar as consecuencias da pandemia, nin da Xunta nin do Estado, o Goberno galego ten ingresado recursos do Estado e da UE, e recibirá máis. Así mesmo, con respecto á xestión do fondo común, José Tomé deixou claro que “os concellos son os que mellor xestionan os recursos porque son a administración máis próxima á cidadanía e ao tecido económico, e, polo tanto, os que mellor coñecen a súa realidade e as súas necesidades”.

A proposta de que a Xunta, as deputacións e os concellos destinen o 1% do seu orzamento deste ano a un fondo común de rescate para a a hostalería e ó turismo será trasladada polas deputacións socialistas á reunión convocada esta tarde polo Clúster de Turismo en Santiago. O Clúster citou á Xunta, ás deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Neste sentido, a Deputación de Lugo lamenta profundamente que o Clúster decidise prescindir da presenza dalgún representante da institución provincial lucense na xuntanza, pois denegoulle a solicitude de participar de maneira telemática, unha decisión incomprensible tendo en conta a grave situación sanitaria que se está a producir no conxunto de Galicia e, en concreto, as especiais circunstancias da Deputación, xa que a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, está a desenvolver o seu traballo dende a casa tras dar positivo por Covid-19.

Colaboración da Deputación

Malia que a Deputación de Lugo non ten competencias nin percibiu fondos para prestar axudas aos sectores afectados,  impulsou iniciativas e medidas de apoio dende o principio da pandemia. “Axudamos dende o primeiro momento ós sectores afectados, cos que mantemos unha liña de colaboración permanente. A pesar de non ter as competencias e sen ter recibido nin un só euro extraordinario de financiamento, habilitamos, entre outras medidas, campañas de promoción do consumo seguro, actividades de formación na aplicación de medidas sanitarias no comercio e a hostalería, liñas de axudas para os artesáns, deportistas e sectores culturais, así como a posibilidade para os concellos de consignar fondos do Plan Único para calquera necesidade derivada da pandemia”.

“Agora defendemos esta proposta, que é complementaria á que levaremos ao Pleno de mañá, pois o 1% dos Orzamentos que pedimos que a Xunta destine á hostalería e ó  correspóndese cos 120M€ que lle reclamamos na moción para apoiar a este sector”.