Portugal pecha a fronteira con España durante dúas semanas


O Goberno de Portugal anunciou o peche da fronteira con España a partir deste venres e durante un prazo inicial de dúas semanas, nun intento por conter a expansión da pandemia de coronavirus, que alcanzou niveis sen precedentes en territorio luso durante este mes.

O ministro do Interior portugués, Eduardo Cabrita, anunciou o peche fronteirizo ao termo do debate sobre a renovación do estado de emerxencia na Asemblea da República, segundo informou a cadea RTP. 

Pola súa banda, a ministra de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, Arancha González Laya, indicou este pasado xoves que España e Portugal están a ultimar unha “limitación temporal” da mobilidade fronteiriza que afectará tanto a portugueses como a españois e que se fai co fin de axudar a controlar o aumento de contaxios nos dous países.

A xefa da diplomacia explicou que Portugal propuxo a España a reintrodución das restricións temporais á mobilidade na fronteira, como xa se fixo anteriormente por “causas de forza maior”, e os dous países están a traballar para unha “limitación pactada de común acordo”.

Neste sentido, aclarou que se se reintroducen estas restricións afectarán tanto os cidadáns portugueses como aos españois que viven nas zonas transfronteirizas, pero confiou en que saiban entender que a decisión ten “a misión sanitaria de axudarnos a limitar o aumento de contaxios”.