A celebración de eventos híbridos marcou a actividade de Expourense durante o 2020

 

A Fundación Expourense presentou os datos do exercicio anterior nun 2020 marcado pola pandemia mundial provocada pola COVID-19. Comezou o 2020 con dous grandes eventos celebrados no recinto. O primeiro deles foi Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que tivo lugar do 5 ó 9 de febreiro, e que foi a única feira de carácter internacional celebrada en Galicia en todo o ano e, xunto a FITUR, as dúas únicas citas internacionais de turismo celebradas en España. Contou con 289 expositores procedentes de 9 países; ofreceu un programa de actividades con máis de 150 experiencias e reuniu a 25.000 visitas. 

O segundo gran evento celebrado no recinto foi o LVI Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta na primeira fin de semana de marzo e que foi calificado como “o mellor da historia” polo propio presidente da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), Raúl Chapado. Escasos días despois producíase a limitación da celebración de feiras e eventos, e o posterior confinamento. 


As actividades desenvolvidas pola Fundación durante o 2020 contaron con 48.000 visitas presenciais no recinto (19.000 procedentes da actividade deportiva) e máis de 3.000 participantes de xeito virtual que se conectaron a aos distintos congresos e xornadas formativas. A creación de novas oportunidades de negocio e a capacitación profesional centrada en sectores concretos como o turismo de saúde e termalismo, o funerario ou o turismo activo e deportivo, foron os eixos principais da actividade do recinto no segundo semestre. Para iso, contou coa participación de 312 expertos nacionais e internacionais que exerceron como relatores destas actividades. 

Durante as semanas do confinamento máis estricto, Expourense organizou unha serie de actividades formativas en liña e en directo vencelladas aos seus proxectos Termatalia, Xantar e Ourense Vinis Terrae. 

No mes de xuño, Expourense organizou unha nova edición da Xornada sobre Enerxías Renovables que tivo carácter híbrido e que foi o primeiro evento con parte presencial organizado en Galicia tralo confinamento. 

Xa no segundo semestre do ano 2020 desenvolveu unha estratexia baseada na organización de congresos profesionais en formato híbrido para darlle continuidade e cobertura ás feiras especializadas previstas no seu calendario (Termatalia e Funergal como feiras internacionais e Sportur Galicia). Isto permitiu manter o contacto e achegar novas oportunidades de negocio e formación a toda a cadea de valor que participa en cada evento. 

No mes de setembro celebrou o 1º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde que congregou a 500 inscritos de 30 países; o 1º Congreso Internacional de Directivos Funerarios organizado por Funergal, que contou con expertos de 4 países e que reuniu a máis de 250 profesionais de España e Portugal, fundamentalmente. 

A actividade congresual remataba xa no mes de decembro coa celebración do 2º Congreso Ibérico sobre Turismo Deportivo en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, da Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense. Contou coa participación de 25 relatores de España e Portugal e con 400 inscritos. Serviu de antesala para Congreso Internacional de Turismo Deportivo que se celebrará en Expourense no 2022 e para promocionar Galicia como destino seguro en turismo activo. 


T