A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou que xa está aberto o prazo de reserva das dúas rutas fluviais que ofrecerá a institución provincial polos ríos Miño e Sil a partir do día 19 de marzo e ata finais de ano.
O servizo de catamarán funcionará adaptándose ás medidas establecidas polas autoridades sanitarias en cada momento e seguindo protocolos propios da institución provincial no marco da súa actuación para extremar a prevención e a contención da Covid-19. Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións verase reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros se produzan concentracións de persoas. Manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada.
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 72 viaxeiros. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a viaxe e realizaranse servizos de desinfección para previr o contaxio pola Covid-19.
No mes de marzo, navegarán do venres 19 ao domingo 21 e do sábado 27 ao mércores 30, mantendo os horarios de mañá e tarde. Nos próximos meses de abril e maio as rutas serán de mércores a domingo e, con motivo do Día das Letras Galegas, tamén o luns 17 de maio. En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día.
10 postos vacantes
A Axencia de Colocación da Deputación de Lugo mantén aberto o proceso de selección de 10 postos vacantes para a prestación do servizo de rutas en catamarán pola Ribeira Sacra. Un servizo que a institución provincial lle encargou á empresa pública Tragsa, que é medio propio da Deputación dende finais do ano 2019.
En concreto, precísanse 6 persoas para desenvolver os labores de informador de turismo, 2 para o de mariñeiro e 2 para o de patrón portuario da mariña mercante. Estas persoas desenvolverán o seu traballo dende o inicio da temporada, que arrancará o vindeiro 19 de marzo.
García Porto subliña que “estamos falando de 10 novos postos de traballo vinculados de maneira directa a este servizo, o que reafirma a importancia desta iniciativa da Deputación nun momento coma o que estamos vivindo debido á crise sanitaria”. Engade a Deputada que “as rutas en catamarán xeran un efecto multiplicador na economía da provincia de Lugo en xeral, e na Ribeira Sacra en particular, xa que ademais destes empregos directos, en termos de pernoitas e de consumo no sector hostaleiro, turístico e comercial, son un incentivo para a iniciativa privada nun momento no que isto é vital para a recuperación económica”.
A información completa do proceso de selección pódense consultar na web da Axencia de Colocación da Deputación de Lugo: https://deputacionlugo.portalemp.com/