A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías deu conta da nova xeira de contactos que o Efecto PO2 está a suscitar en foros internacionais. A concelleira asegurou que “desde que comezou a pandemia se vén percibindo un incremento de xornadas nas que queren que o alcalde fale de certas repercusións que teñen que ver co modelo de cidade”. Neste sentido, explicou que os convites e contactos se centran en dous eixos fundamentais da estratexia Efecto PO2, indicando que “dunha banda falamos de todo o que ten que ver coas cuestións medioambientais e ecolóxicas, e doutra como se viviu a pandeima e os efectos sobre modelos urbanos”.
Anabel Gulías asegurou que este interese internacional se debe a que “fomos das poucas cidades que conseguimos levar á práctica un modelo teórico no que maiormente todo o mundo conflúe, pero que desde Pontevedra fomos quen de demostrar que facer política doutro feito é posible”. Tamén aproveitou para chamar a atención sobre “a influencia que teñen estes eventos para diferenciarnos no mundo e facer unha política de promoción da cidade que está ao alcance de moi poucas cidades, tanto da Galiza como do resto do Estado español”.
Esta mesma semana, Miguel Anxo Fernández Lores participará nunha mesa redonda sobre ‘Transportes e mobilidade. Unha cidade para as persoas’. Será o xoves 25 ás 19:30 e está organizada polo Concello de Lugo e a organización ecoloxista Adega. Ademais do alcalde de Pontevedra, participarán a presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, a presidenta da Rede Cidades que camiñan, Ana Montalbán, e o enxeñeiro técnico de Obras Públicas, Xosé Carlos Fernández.
A primeira das citas internacionais será a National Walking Summit 2021 organizado por Living Streets, unha entidade benéfica con sede en Londres, que centra a súa actividade no estudo de diferentes modos de mobilidade. Terá lugar o 18 de marzo e está prevista a participación do alcalde e da concelleira de Promoción da Cidade. Na edición deste ano abordarase como os líderes das cidades responderon ante a pandemia, como camiñar pode formar parte do cambio climático ou como poden contribuír os veciños e veciñas das cidades á redución do tráfico. Neste contexto a intervención de Pontevedra versará sobre como a mobilidade pode axudar a abordar a emerxencia climática.
Entre o 1 e o 4 de abril terá lugar a bienal Cities in Transition na cidade de Grenoble, que celebra a súa terceira edición baixo o título ‘The time of the essential”. Desde a organización deste evento trasladaron convite ao concello de Pontevedra co obxecto de coñecer a experiencia relacionada con aspectos da transición ambiental, económica e social do modelo urbano pontevedrés.
O terceiro dos convites internacionais, chega desde Évora para participar, o 3 de xuño, nunha xornada sobre ‘A mobilidade urbana e a accesibilidade como factores de desenvolvemento sustentable’. Neste caso, abordaranse cuestións relacionadas coa política de mobilidade urbana como factor de desenvolvemento, e a importancia da accesibilidade para todos os espazos culturais e patrimoniais.