Broche de ouro á III Aceleradora de Turismo TurisTIC, impulsada pola Deputación de Pontevedra. “Nesta provincia hai talentazo”, xubliñou a presidenta provincial, Carmela Silva, ao citar ás autoras e autores dos dez proxectos, que cualificou de “brutais”, no demoday celebrado hoxe en Vigo para coñecer de primeira man a formación na que participaron durante tres meses, da man de SmartPeme, e a evolución destes proxectos “que serán seguro unha realidade porque o nivel é altísimo”.
No acto celebrado na sede viguesa da Deputación, e coa presenza das emprendedoras e emprendedores dos dez proxectos, Carmela Silva, xunto ás deputadas Ana Mejías e Ana Laura Iglesias, enxalzou a ampla presenza de mulleres liderando as iniciativas, “cunha porcentaxe do 78% o que amosa que as mulleres estamos sumándonos con moita forza e poñéndonos no primeiro lugar para transformar o mundo”. Tamén destacou a “valentía” das persoas participantes, “en tempos nos que o sector turístico, a hostalaría e o comercio están sufrindo de xeito terrible”, e subliñou que “produce ilusión e confianza no futuro ver que haxa xente como todas e todos vós, que cre que as ideas se poden converter en realidade, que non se rende e aproveita as oportunidades”.
Entre as dez iniciativas atopábanse Mr and Mrs Kendall (de Celso Gómez, Oia), unha app para crear o primeiro concierge dixital de Galicia, “fundamental porque as persoas visitantes queren ter todo preparado, desfrutar do seu tempo de ocio e non perder tempo”; Galicia Legends (Silvia Sancho, Pontevedra), “un proxecto da man da ilustración que da resposta á demanda que temos de que nos conten historias”; Viajes Airbus (de Isabel Pouton, Redondela), “unha empresa consolidada que está a traballar para modernizarse e seguir adaptándose ás demandas das persoas turistas”.
Amarturmar tamén chega de Redondela (promovido por Nuria Novele, Encarna López, Rosario Alonso e Severino Casal, Cesantes), “que está a ligar o sector primario, tan relacionado coas mulleres, co turismo mariñeiro, con moitísimo futuro”; Recunchos (de Verónica García, Sanxenxo), “unha axencia de viaxes online especializada en rutas guiadas que reflicte o noso modelo turístico e fai fronte ás novas cuestións que demandan as persoas visitantes”; Turismo de Historias (liderado por Silvia Cernadas, Soutomaior), “que se centra en algo tan marabilloso como traballar para recuperar a historia”; Corticata (Luis Ángel Gómez, de Vilagarcía), “especializada no turismo de natureza e deportivo, que oferta un destino ligado aos novos valores, tan demandados”; Capttus (liderado por María Soliño, Vigo), “centrada en crear instrumentos tecnolóxicos para resolver dificultades que xorden durante as viaxes, algo tan fundamental hoxe en día”; a Fundación Pazo de Mos (Vanessa Ferreira, de Mos), “que está sendo capaz de crear moitas actividades e poñer en valor o territorio”; e Alecrin (de Ana Vázquez, Vigo), “que propón actividades moi demandadas e relacionadas coa natureza e a recuperación dos bosques autóctonos, algo que hoxe en día tanto precisamos”.
Para a presidenta da Deputación “todas as empresas participantes na aceleradora responden ao que está demandando a sociedade cando decide facer turismo e visitar un lugar, proporcionando experiencias e emocións, poñendo en valor a importancia das tradicións e apostando por converter os produtos empregando as novas tecnoloxías”. Neste eido, asegurou que “as TIC están xa e son o presente. Quen non se sume a esta revolución non vai ter capacidade para poder manter, reforzar ou crear novas ideas empresariais. O modelo turístico ten que ir por aí, para facerlle fronte ás novas cuestións que demandan as persoas visitantes”.
Así, todas as empresas que participaron nesta terceira edición da aceleradora marcáronse como obxectivos mellorar a súa presenza en redes sociais, impulsar un plan de marketing, crear unha nova web ou imaxe corporativa, actualizar o SEO, impulsar campañas promocionais, crear novos produtos e modelos de negocio e optimizar a comercialización. “Dixéronme as persoas que traballaron na aceleradora que a maioría das empresas estiveron traballando moito e cumpriron con todos os obxectivos marcados”, asegurou.