A Deputación da Coruña encargará un proxecto para construír unha senda peonil nas marxes da estrada provincial DP-4804 entre A Ponte do Porco e a Ponte do Lambre, contribuíndo así a facilitar o tránsito peonil e mellorar a seguridade de veciños e peregrinos, xa que o tramo forma parte do itinerario do Camiño Inglés.
Así o anunciou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante unha visita á zona acompañado por técnicos do servizo de Vías e Obras e polos alcaldes de Paderne e Miño, César Longo Queijo e Manuel Vázquez Faraldo, que solicitan a creación desta infraestrutura para mellorar a seguridade nun tramo con curvas e frecuentado por numerosos peregrinos, pero que carece de andén para a circulación de peóns en condicións de seguridade.
González Formoso cualificou a esta infraestrutura como "crucial e estratéxica" desde a perspectiva "da conectividade entre localidades, ao unir non só Paderne e Miño, se non tamén Vilarmaior, Betanzos, Irixoa..." e tamén "para o desenvolvemento de actividades económicas vinculadas ao turismo do Camiño de Santiago".
Por todo isto, o presidente provincial reiterou que "o noso compromiso é executalo, este ano redactarase o proxecto e o próximo deberían comezar as obras" e explicou que se tratará dun proxecto técnicamente complexo para o que será necesario "pedir a colaboración de varias administracións xa que aquí se ven implicadas a Xunta, a través de varios departamentos, e o Goberno do Estado, a través de Costas e ADIF".