O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta de Galicia contratará de xeito inminente a redacción do Plan Director do Parque do Pasatempo, en Betanzos, que sentará as bases das actuacións necesarias para garantir a conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural (BIC). Fíxoo nunha visita a igrexa de San Francisco, na que o Goberno galego vén de investir preto de 350.000€ para a súa restauración.
Durante a súa visita, o responsable de Cultura da Xunta, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, salientou o “firme compromiso” da Administración autonómica co Parque do Pasatempo e co Concello de Betanzos. Un compromiso que, tal e como subliñou, “quedou xa demostrado co apoio técnico que fixemos para favorecer e facilitar a declaración como Ben de Interese Cultural”. “Agora damos un paso máis elaborando un documento no que se recolla a actual situación do parque e un proxecto específico para guiar cada unha das súas necesidades”, explicou.
A Xunta de Galicia iniciará nas vindeiras semanas o proceso de licitación para a redacción deste Plan Director do Parque do Pasatempo. “Trátase dun proceso de elaboración complexo porque o obxectivo é que este sexa un documento amplo que responda ao que o Pasatempo demanda, así como á complexidade das actuacións que é preciso executar e á magnitude e importancia deste ben patrimonial”, puntualizou.
Román Rodríguez salientou que este novo paso é posible ao abeiro do compromiso do Goberno galego cos fondos para a protección e recuperación do patrimonio cultural. De feito, nos orzamentos de 2021 esta partida increméntase nun 19%.
Unha rehabilitación en profundidade
O conselleiro visitou hoxe a igrexa de San Francisco, onde as actuacións desenvolvidas no último semestre pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade estiveron centradas, fundamentalmente, na mellora do illamento do convento-igrexa. Para iso programouse o cambio da cuberta por unha nova composta por pranchas de fibrocemento sen amianto e tella cerámica curva e o deseño dun novo trazado da rede de evacuación de pluviais; ademais da revisión do sistema de drenaxe e a análise das pezas de madeira lesionadas do soporte da cuberta, co obxecto de establecer unhas pautas de actuación rigorosas sobre o resto do sistema.
Con esta mesma finalidade de evitar a entrada de humidade no inmoble, a restauración incluíu a impermeabilización dos encontros e puntos singulares con chumbo, o repaso dos rexuntados e a colocación de novas pezas na cornixa. A rehabilitación contemplou, así mesmo, a substitución dos cristais rotos ou perdidos das vidreiras e o repaso xeral do seu selado, así como o saneamento do conxunto dos lenzos de cantaría e a limpeza da vexetación.
Edificio histórico fundado en 1385
O convento-igrexa de San Francisco de Betanzos é un edificio histórico e un dos mellores exemplos do gótico mendicante franciscano da península, destacando na súa tipoloxía o seu papel funerario. Foi fundado en 1385 pola orde franciscanos, e máis adiante, converteuse no panteón da súa estirpe. Este edificio está considerado como Ben de Interese Cultural a protexer por formar parte do patrimonio de todos os galegos.