A Deputación de Ourense destina máis de 20 millóns de euros á reactivación económica


A Deputación de Ourense estinará máis de 20 millóns de euros (20.676.885 €) para a reactivación económica da provincia na etapa poscovid. Unha inxección económica que terá nos concellos os principais destinatarios. A maior cantidade vai destinada á cooperación cos municipios: ao redor de 8,5 millóns de euros que teñen como beneficiarios a 76 concellos, máis a entidade local menor de Berán, para desenvolver proxectos en infraestruturas viarias, deportivas ou culturais, áreas empresariais, emprego no rural, servizos a dependentes e maiores, eficiencia enerxética, ou iniciativas na prevención de incendios forestais, entre outros. Neste ámbito de cooperación tamén se destinan outros 300.000 euros para seis mancomunidades de municipios.

O apartado de colaboración institucional é outro dos puntos fortes desta achegas, en particular coa Xunta de Galicia. Así, a Deputación de Ourense achegará 1,5 millóns de euros para o Centro Galego de Innovación da FP; 790.000 euros -o 1 % do orzamento total da Deputación-, para o fondo conxunto de apoio á hostalería; 150.000 euros para o bono turístico; 450.000 euros no marco do convenio asinado coa consellería de Medio Rural para a adquisición de maquinaria destinada á prevención e loita contra os incendios forestais; e outros 53.000 euros para os plans de emerxencia por seca.

O documento económico achegas de 133.000 euros para fomento do deporte; 478.000 euros para acción social; máis de 680.000 euros para cultura; 750.000 euros para desenvolvemento empresarial e promoción comercial; 53.000 euros para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, ou 169.000 para termalismo.