Camariñas impulsa unha nova edición virtual da Mostra do Encaixe


O Concello de Camariñas organizará do 29 de marzo ao 4 de abril a segunda edición virtual da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña que presenta novidades con respecto ao ano pasado e nesta ocasión cambiará o seu funcionamento para centrarse na comercialización do encaixe e na publicación das coleccións do certame de Xóvenes Deseñadores en diferentes enclaves turísticos do municipio.

A organización decidiu estender a toda a semana o evento para dar cabida a unha completa programación, que se iniciará o luns 29 de marzo coa apertura da II Mostra Virtual e os discursos institucionais. Paralelamente, o Museo do Encaixe acolleu a presentación dun cupón da Once coa imaxe da XXX Mostra do Encaixe.

O obxectivo deste evento é o de comercializar o encaixe e fomentar a labor que fan anualmente os comercios locais neste eido. Por iso, desde o martes 30 de marzo ao domingo 4 de abril, os postos participantes ofrecerán a través do Facebook unha serie de produtos con encaixe que contarán con ofertas especiais nesas datas. Na web do evento www.mostra.es habilitarase un espazo durante estas datas no que tamén se poderán atopar as ofertadas que dispoña cada establecemento.

Por outra banda, publicarase en diferentes xornadas un vídeo de cada colección do XXVII certame de Jóvenes Deseñadores. Moitos destes foron gravados por alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña (UDC) en diferentes localizacións do municipio e con modelos locais como protagonistas. Tamén terán o seu propio espazo, entre outros, as palilleiras, as nenas das escolas de palillo ou o voluntariado.

O mércores 31 de marzo, dentro da programación da II Mostra Virtual, inaugurarase na praza da Insuela a exposición 'Palilleiras: presente e futuro'. Trátase dunha pequena homenaxe ao labor e esforzo das palilleiras que, xeración tras xeración, fan do Encaixe de Camariñas unha arte única no mundo. As fotografías dos 22 tótems que se instalarán forman parte dun proxecto realizado en decembro de 2019 por Ana García, fotógrafa da Voz de Galicia. Está previsto que esta exposición permaneza na praza ata o mes de outubro.

A clausura correrá a cargo da directora da Mostra, Dolores Lema, e da concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro. Ademais, tamén haberá espazo para a música xa que o Grupo Jaque quixo formar parte deste evento cunha versión propia da coñecida canción 'Camariñas'.