La Vuelta como escaparate turístico do turismo galego e o Camiño de Santiago

 

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participaron na presentación do percorrido pola xeografía galega das 3 últimas etapas de “La Vuelta 21”, a proba raíña do ciclismo en España, que nesta edición coincidindo co Xacobeo rematará na praza do Obradoiro.

O vicepresidente primeiro destacou a importancia desta competición como escaparate turístico para promocionar o turismo galego e o Camiño de Santiago en todo o mundo debido ao seu impacto mediático. Así, incidiu en que as tres etapas da proba ciclista que acollerá Galicia do 3 ao 5 de setembro permitirán amosar a comunidade en todo o seu esplendor a través das paisaxes da Ribeira Sacra ou as Rías Baixas atravesando tamén lugares de paso das distintas rutas xacobeas e confluíndo no último tramo ata chegar a Santiago de Compostela. 

Alfonso Rueda incidiu en que Galicia ofrece todo o que demandan os turistas na actualidade: un turismo tranquilo en espazos abertos e non masificados en contacto coa natureza como os escenarios de La Vuelta 21, que converten a Galicia nun destino, seguro sostible e de calidade e fan que quen visita a comunidade repita. Deste xeito, sinalou que estes valores que identifican o modelo turístico de Galicia e tamén ao Camiño de Santiago se engloban no concepto Galicia Calidade e son os que promocionan os que turistas que visitan a comunidade converténdose nos mellores embaixadores deste destino. 

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte destacou a importancia do ciclismo xa que segundo os últimos datos esgrimidos pola Real Federación Española de Ciclismo, “21 millóns de persoas en España teñen unha bicicleta na súa casa e úsana, mentres que o 90% dos españois saben montar en bicicleta”. Tras destacar a importancia do ciclismo na consecución de obxectivos primordiais para o deporte galego como a igualdade e a inclusión, salientou o seu papel na pandemia xa que é unha actividade que achega “mobilidade, práctica deportiva ao aire libre e sen aglomeracións e respecto ao medio ambiente”.

Nesta edición de 2021 a proba atravesará na súa antepenúltima etapa o 3 de setembro os concellos de Monforte, Lugo e Sarria para continuar polas Rías Baixas desde Sanxenxo a Mos pasando por Pontevedra, Redondela, O Porriño e Baiona deixando para a contrarreloxo individual do domingo 5 de setembro o tramo de Padrón a Santiago de Compostela, para chegar como tódolos peregrinos á porta da Catedral compostelá.

Por iso, no acto de hoxe tamén estiveron presentes os alcaldes de Santiago de Compostela, Padrón, Sanxenxo, Mos, e Monforte de Lemos, municipios de saída e chegada das tres etapas pola comunidade. Ao acto tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.