A organización da Feira do Viño do Ribeiro (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro) comunica que a presente edición (que será a 58ª) trasladarase a data de celebración do evento ata a derradeira fin de semana do mes de maio, os días 28, 29 e 30 de maio de 2021. O evento en circunstancias normais debería ter lugar os vindeiros días 1 e 2 de maio de 2021.
Este ano, debido á situación COVID, a principal novidade será a celebración da FVR nun formato “híbrido”, na que se combinará un completo e variado programa de actividades presencias con aforo reducido e controlado, as cales se darán a coñecer máis adiante, cunha aplicación de internet na que se terá toda a información tanto das adegas e colleiteiros participantes como da programación. Varias destas accións serán retransmitidas a través da aplicación para que calquera persoa, independentemente do lugar do mundo no que se atope, poda seguir e coñecer o que se leva a cabo na FVR.
A organización pretende ser pioneira, unha vez máis, dentro dos eventos enoturísticos e gastronómicos, ao lanzar esta aplicación e empregar as novas tecnoloxías para dinamizar a Feira do Viño do Ribeiro e tratar de poñer en valor o traballo e o viño das adegas e colleiteiros do Ribeiro.
Tendo a conta as restricións sanitarias e de seguridade que nos afectan a todos nestes intres, tanto o Concello de Ribadavia como o CRDO Ribeiro traballan para que se cumpran todas as medidas esixidas polas autoridades competentes en materia de hixiene e seguridade. Todos os acesos e aforos das actividades presenciais estarán controlados, sinalizados e debidamente revisados e desinfectados, a través dun meticuloso plan de protocolo de actuación o cal xa se está a estudar e planificar.
Por outra parte, xa está aberto o prazo de inscrición para que todas as adegas e colleiteiros interesados se anoten para participar na 58ª Feira do Viño do Ribeiro, prazo que finalizará o venres día 30 de abril.