A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu a constitución e primeira xuntanza do Comité Camelia Galicia, creado ao abeiro na Orde do 25 de maio de 2020 pola que se establece a ordenación da Ruta dos Xardíns da Camelia. A creación deste órgano permite establecer unha folla de ruta para a promoción, desenvolvemento e consolidación dun dos produtos turísticos máis orixinais e diferenciais do destino Galicia. Tamén asistiron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insúa.
Así o puxo en valor a directora de Turismo de Galicia, quen destacou a calidade da ducia de xardíns públicos e privados que conforman ata agora a Ruta dos Xardíns da Camelia ofrecendo “unha das mellores coleccións de camelia do mundo en contornas privilexiadas que nos permiten gozar dun patrimonio histórico artístico e natural de enorme beleza”.
Castro destacou, ademais, que a Ruta dos Xardíns da Camelia é un produto turístico diferencial do destino cunha alta capacidade desestacionalizadora que permite que Galicia avance como destino de referencia no turismo de xardíns ao tempo que axuda á sustentabilidade do seu patrimonio.
Despois de máis de 15 anos traballando neste produto, a Xunta da agora un paso máis na súa profesionalización coa creación deste órgano, que terá como principais cometidos validar as solicitudes de novas incorporacións á Ruta, que poderán ser na modalidade de “xardín de camelias” ou como “recurso turístico asociado”, unha modalidade de nova creación que permitirá incorporar aqueles recursos turísticos que conten con xardíns e que respondan a uns criterios equilibrados e harmoniosos de ordenación, estética e paisaxística e cun número mínimo de seis árbores de camelia ou ben dun só exemplar de características especiais e senlleiras.
Representación internacional
O comité que terá que valorar o cumprimento destes criterios, así como fomentar, promocionar e consolidar esta Ruta, quedou constituído por 13 entidades que abarcan todos os axentes implicados neste recurso turístico entre as que se contan institucións, organismos, asociacións e profesionais do sector do paisaxismo: Xunta de Galicia Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Primeira, Axencia Turismo de Galicia; a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; as Deputacións da Coruña e Pontevedra; Sociedad Española de la Camelia; International Camellia Society; Clúster Turismo de Galicia; Asociacións de empresarios produtores de camelia; CRTVG, así como unha representación dos propietarios de casas e xardíns históricos galegos e profesionais do sector paisaxismo a través da Escola Galega da Paisaxe – Fundación Juana de Vega.
A constitución oficial do Comité Camelia Galicia tivo lugar precisamente nun dos xardíns que forman parte da Ruta, o Pazo de Rubiáns, nun encontro no que tamén se abordou a posibilidade de que a Ruta dos Xardíns da Camelia se adhira á Ruta Cultural Europea de Xardíns Históricos, incrementando así a visibilidade internacional das camelias en Galicia, que é o segundo lugar do mundo, despois de Xapón, con máis variedades desta planta, ao albergar máis de 200 especies e preto de 30.000 variedades diferentes.