O Concello de Pontevedra avanza na compra do convento de Santa Clara


O Concello de Pontevedra ten moi avanzadas as negociacións para a compra do Convento de Santa Clara, segundo anunciou o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda. A operación conta co visto bo e a autorización da Consellaría de Cultura da Xunta. 

Segundo informou, aínda non se poden revelar cifras relativas ao prezo final de compra por canto quedan algunhas cuestións que se están negociando actualmente, como é o posible traslado dun pequeno cemiterio de monxas no xardín do cenobio ou o destino de elementos mobles protexidos como son os retablos. 

No caso dos retablos, apuntou que as opcións son diversas, como por exemplo a venda ou a cesión en depósito, e algunhas delas suxeitas tamén a autorización por parte da Consellaría de Cultura, como no caso de que fosen retirados do seu emprazamento orixinal. 

Sobre o destino da propiedade, Xaquín Moreda asegurou que a compra se realiza “para conservar o patrinomio”, co fin de evitar a degradación e a perda dun ben patrimonial sitado no centro urbano. Tras a compra, entraría en xogo unha nova fase na que se decidiría o destino do inmoble e outras posibilidades relativas á entrada doutras entidades no seu mantemento. 

Por último e en relación á posible data de compra, Moreda explicou que os prazos están suxeitos ao procedemento interno da Igrexa o que implica, ente outas cuestións, que a compra debe ser autorizada polo Vaticano.