O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras aprobou os orzamentos de 2021 por un valor de 552.441 €. A partida máis importante das contas deste ano é a destinada a “Promoción e publicidade”, que supón máis do 48% da cifra total (266.298 €). No que se refiere ao capítulo de ingresos, prevese que se recauden 560.772 €.
No pleno tamén se aprobaron a Memoria e a Liquidación Orzamentaria de 2020, así como a empresa que realizará a auditoría das contas correspondentes ao exercicio 2020.
Polígonos agrícolas
Esta mañá os vogais do Consello Regulador comezaron a estudiar varias propostas para desenvolver o proxecto da creación de polígonos agrícolas que faciliten o acceso a terreos nos que se poidan plantar novos viñedos. Esta idea apoiaríase na “Lei de recuperación da terra agraria de Galicia”, que promove a Consellería do Medio Rural, e que se espera que a Xunta aprobe na primeira metade deste ano.
O principal obxectivo desta iniciativa autonómica é promover a recuperación da terra abandonada ou infrautilizada, e darlle base territorial a quen a desexe traballar. Dentro dos diferentes “mecanismos voluntarios de movilización da terra” que quere establecer a Consellería, atópanse os polígonos agrarios ou forestais. Neste punto se podería apoiar o Consello Regulador para acadar a agrupación de terras abandonadas que se poidan alugar a través do Banco de Terras.
O pleno acordou continuar analizando as diferentes propostas que teñen enriba da mesa, para aprobar antes do 31 de maio o proxecto definitivo que lle enviarán á Consellería do Medio Rural.