O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres o II Plan Estratéxico Provincial de Turismo tras ser validado pola Mesa de Turismo celebrada hoxe. Trátase dun documento marco, de máis de 280 páxinas, que representa a folla de ruta da xestión turística da provincia para os vindeiros tres anos, no que se asentan as bases para a reactivación do sector turístico no destino Rías Baixas e que ten prevista a mobilización de en torno aos 20 millóns de euros.
A grande meta do II Plan Estratéxico de Turismo será a consolidación da provincia como territorio turístico intelixente aliñado coa Axenda 2030, mediante grandes eixos como a promoción e a comunicación, a oferta turística e a competitividade. Trátase de potenciar o turismo como medio para mellorar a calidade de vida da cidadanía; reforzar o posicionamento do destino como espazo con identidade propia, sustentable, de calidade e singular; perfeccionar a proposta do destino cara os segmentos de mercado; e converter Rias Baixas e polo tanto a provincia nun destino turístico intelixente de referencia internacional.
O Plan elaborouse cunha metodoloxía participativa de ata 12 mesas temáticas e entrevistas persoais a máis de 100 persoas expertas de ámbito provincial, nacional e internacional. Fai unha importante aposta pola dixitalización mediante ferramentas tecnolóxicas, como a Intelixencia Turística, Big Data e a Intelixencia Artificial como elementos aceleradores que están cambiando a industria turística. Amais, o presente e o futuro do turismo en Rías Baixas pasan por potenciar a sustentabilidade nas súas diferentes dimensións, e para isto a Axenda 2030 amosa o camiño para traballar por un mundo mellor, aliñando visións entre todos os actores do sector. Engade tamén que a industria turística está inmersa en novos escenarios nos que debe, por un lado aprender a xestionar a incerteza mediante a innovación e, por outra parte, traballar pola inclusión das persoas e a igualdade de oportunidades. O turismo debe ser un axente creador de emprego e impulsor da mellora da calidade de vida das persoas residentes nas Rías Baixas.
O Plan Estratéxico ten unha estimación orzamentaria de 16 millóns de euros cara ao período 2021-2023 así como a incorporación de fondos europeos que permitirán mobilizar ata 20 millóns de euros no desenvolvemento do conxunto das accións. O documento presenta ata sete grandes obxectivos: o desenvolvemento dun acervo metodolóxico adaptado ás necesidades e ás características do sector turístico; o fortalecemento da capacidade institucional en todos os niveis administrativos;a redución da fenda dixital e a desigualdade de adopción tecnolóxica no territorio, tanto no eido público como no privado; a consolidación de esquemas colaborativos público-privados de innovación continua; a interoperabilidade das solucións tecnolóxicas en todo o territorio; a converxencia de orzamentos de distintas fontes a favor de obxectivos compartidos co Plan Estratéxico de Turismo de Rías Baixas; e a maximización do valor da marca do destino nun entorno cada vez máis competitivo.
En total recóllense 46 plans de actuacións con 269 accións operativas con elementos moi identificativos da nosa provincia como son os festivais de música, os castelos, o enoturismo, a gastronomía, a ruta da camelia, a ornitoloxía, os Camiños de Santiago, e outros fundamentais para a competitividade como o SICTED, os workshops e feiras promocionais, o programa SMARTPEME, a rede de oficinas de turismo, os programas de fondos europeos, así como accións de comunicación e promoción como o Programa de sensibilización ao sector sobre sustentabilidade, o Programa de sensibilización ao sector sobre a igualdade de xénero e empoderamento das mulleres ou o Programa de sensibilización sobre accesibilidade turística.