Restaurado, e con novidades, o parque infantil de A Canuda


Rematan as obras realizadas en Salvaterra do Miño que consistiron na restauración do parque infantil de Canuda e na adquisición de novo equipamento para a mellora da área de ocio. Consistiron na restauración da práctica totalidade dos xogos infantís, a substitución das pezas danadas por outras novas e a instalación de novos elementos de diversión nunha área recreativa que recibe ao ano máis de 300.000 visitas, non só de veciños da provincia de Pontevedra e de toda Galicia, senón tamén do norte de Portugal.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as instalacións, nas que a Xunta investiu 33.835 euros nunha actuación encadrada na Orde de infraestruturas de uso público, coa que a Xunta financia os proxectos dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. 

Na convocatoria deste ano, o Goberno galego mantén o orzamento de 4 millóns de euros que destinou o ano pasado a esta liña de axudas, despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros respecto do orzamento do 2019. 

O Concello de Salvaterra do Miño recibiu na última década máis de 200.000 euros das diferentes liñas de axudas dispostas pola Xunta para investir na mellora das infraestruturas e os servizos dos concellos galegos, en beneficio da calidade de vida dos seus habitantes.