Bendillo aculleu a XXI Mostra do aceite de Quiroga


A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, puxo en valor o aceite galego na in auguración da 21ª Mostra do aceite de Quiroga, celebrada na parroquia de Bendillo deste municipio lugués. Na súa visita a este evento declarado de interese turístico aproveitou para poñer en valor tanto o produto homenaxeado como a aposta do Concello polos produtos agroalimentarios de calidade como clave para a potenciación do rural.

Seis foron os colleiteiros que participan nesta edición da Mostra, na que se puido comprobar que o aceite de Quiroga se caracteriza por proceder principalmente das variedades de oliveiras autóctonas Mansa galega e Brava galega, así como doutras secundarias de cultivo tradicional na zona.

A produción do aceite nesta zona concéntrase sobre todo no val de Quiroga, aínda que amén se estende por certos sectores dos vales que discorren paralelos ao río Quiroga ata que desemboca no Sil. O produto destaca pola intensidade do seu sabor a oliva -especialmente cando aumenta a proporción de variedades locais- e polos aromas que van dende a herba acabada de cortar ou a mazá -no caso das variedades autóctonas- ás améndoas e outros froitos secos e maduros, a medida que aumentan as variedades secundarias. Canto á cor, sitúase no rango dos amarelos que tiran cara ao verde ao comezo
 da campaña e cara ao amarelo dourado co paso do tempo.

Cabe sinalar que a comezos do século a produción de aceite de Quiroga estaba cifrada nos 9.000 litros pero co paso dos anos aumentou tanto o número de plantacións como de litros producidos.