Un total de 640.721, 45 € é o orzamento que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina a apoiar o labor das entidades de cultura tradicional, en concreto das corais polifónicas, bandas de música popular, entidades de música e baile tradicional e formacións musicais de grande formato. As asociacións reciben mediante dúas convocatorias de axudas en concorrencia competitiva o apoio da Deputación tanto para o desenvolvemento das súas actividades e programacións como para a compra e contratación de infraestruturas.
Cursos e obradoiros de baile e música, xuntanzas profesionais, mostras corais, festivais ou concertos son algunhas das actividades para as que 82 entidades reciben apoio a través dunha liña de subvencións que nesta nova edición adxudica 442.615,79 €. A esta convocatoria súmase á dedicada ao apoio a infraestruturas na que concorreron un total de 69 entidades que recibirán 198.105,66 € para compra de instrumentos, adquisición de equipos de son, vestimentas, dotación informática ou mellora dos locais.
"Por medio destas dúas liñas de axuda, a área de Cultura da Deputación da Coruña apoia o tecido asociativo da cultura tan vivo e que implica a tantas persoas na dinamización e a transmisión a nosa cultura en especial ás novas xeracións que participan na actividade destas entidades tan importantes na cultura dos concellos", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
Para o deputado de Cultura, estas dúas liñas de axuda responden "a unha vontade de promover un tecido asociativo que fai realidade o noso lema de que a cultura é un dereito e, como tal, ten que ser exercido e apoiado e en poucas circunstancias esta afirmación cobra máis forza que nas entidades en que a nosa cultura toma vida en milleiros de persoas que son partícipes dela nas distintas escolas e agrupacións".