As actuacións de mellora do trazado, sinalización e servizos ao peregrino no Camiño Portugués centraron o relatorio que a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ofreceu no marco do Foro do Camiño Portugués, promovido polo Concello de Tui. A xornada, que contou coa participación do alcalde, serviu para afondar no peso que este itinerario ten no desenvolvemento socioeconómico deste territorio.
A directora de Turismo de Galicia centrou a súa exposición no peso que acadou o Camiño Portugués, que en 2019 converteuse no segundo itinerario máis escollido para peregrinar ata Santiago con máis de 72.000 peregrinos, o 20% dos que se solicitaron a Compostela ese ano.
Castro destacou a firme aposta da Xunta tanto por este itinerario no que se levan investidos 3,7 millóns de euros desde 2015 no marco do Plan Director do Camiño de Santiago que conclúe este ano. Do mesmo xeito, a responsable de Turismo destacou as actuacións que se fixeron en materia de accesibilidade, eficiencia enerxética e seguridade sanitaria, para garantir que o Camiño Portugués sexa un Camiño Seguro.
Mellora da acollida
Castro tamén lembrou os traballos para a mellora da acollida ao peregrino, levando adiante actuacións de mantemento e melloras nos albergues públicos cos que conta o Camiño Portugués. Entre as actuacións destacou o recen rematado albergue de Vigo, na variante da Costa, ademais dos traballos de reparación do albergue de Tui e nos albergues de Briallos, Porriño e Redondela.