Os viños galegos con DO aumentan a cuota de mercado en volume e en valor


O informe “El mercado español de vinos gallegos: alimentación y hostelería” reflicte que, na canle da alimentación, os viños galegos con denominación de orixe melloraron a súa cota de mercado en volume e aínda máis en valor, no pasado ano. Na canle da hostalaría, mentres, os viños de Galicia recuperaron a cota en volume de 2018 e incrementaron a cota en valor.

Canto á subida de prezos en ambas canles, ese incremento fixo que na canle de alimentación se acadara un prezo medio de ata 4,84 euros por botella, moi próximo aos viños rioxanos. No caso da hostalaría, os viños galegos consolídanse como os de maior prezo nesta canle, situándose moi por riba do resto de comunidades autónomas.

Ao menos así o resaltou o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura do acto de presentación do informe “El mercado español de vinos gallegos: alimentación y hostelería”, elaborado por Nielsen e presentado pola Fundación Juana de Vega.

Alí, o conselleiro destacou que a entrada dos viños galegos con denominación de orixe na canle da alimentación ao abeiro da rede Mercaproximidade, debido ao peche da hostalaría pola pandemia da covid-19, reforzou o seu potencial de comercialización. Unha afirmación que vén apoiada polo aumento en máis dun 20% no consumo de viños das DOP galegas nesta canle e que as súas vendas subiron en case todos os territorios do Estado.

O sector do viño en Galicia está conformado por máis de 10.000 viticultores e máis de 450 adegas, que achegan un valor económico superior aos 230 millóns de euros anuais. Trátase -engadiu- dun eido económico cunha forte vocación exportadora, o que se demostra comprobando que unha de cada cinco botellas das nosas denominacións de orixe saen de Galicia cara a outros países, tan diversos como Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido, China, Canadá ou México.

O conselleiro apuntou que proximamente se presentará a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, promovida pola Xunta coa colaboración da Fundación Juana de Vega. Así, tamén lembrou que a Estratexia persegue mellorar o posicionamento dos viños galegos, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos territorios nos que se producen e aumentar a eficacia da promoción e da comercialización de produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola co obxecto de xerar valor engadido nos espazos rurais.