Seguen a estreitarse os lazos entre a apicultura e o Camiño de Santiago


A Agrupación Apícola de Galicia celebrou o acto de presentación de Belacolmea, unha liña de produtos naturais a base de Mel de Galicia con Indicación Xeográfica Protexida que promete revolucionar o sector da cosmética. O acto de presentación tivo lugar no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela e contou coa intervención de Cecilia Pereira Marimón, Comisaria do Xacobeo 2021; Segundo L. Pérez López, Canónigo Delegado de Peregrinacións; José María Seijo, presidente da Agrupación Apícola de Galicia; e Ester Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia e presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia.

A Agrupación Apícola de Galicia lembroulles aos presentes que a apicultura, en termos xerais, e o mel en concreto están profundamente asentados en Galicia dende tempos inmemoriais, constituíndo unha importante parte do seu patrimonio cultural, botánico e etnográfico.

Porén, tamén se estreitaron lazos entre a apicultura e o Camiño de Santiago ao longo da historia, posto que todos os camiñantes que atravesaban estas terras se beneficiaban dos produtos apícolas, servíndose do seu poder estimulante, de curación, cicatrizante e refrescante como remedio.

Nun tributo a esta senlleira relación entre peregrinos e produtos da colmea, para alén da presentación celebrada en Santiago de Compostela, a Agrupación Apícola de Galicia anunciaba a súa presenza en forma de expositor ao longo de distintos puntos do Camiño de Santiago, sempre en estrito cumprimento das medidas de seguridade sanitaria. Nel os peregrinos poderán obter información e un pack con tres mostras desta liña de apicosmética.