Trinta establecementos rurais pontevedreses reciben o distintivo Sicted


O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou a cerimonia de entrega de diplomas dos distintivos Sicted de calidade turística en destino, promovidos pola Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte (GDR 16). Acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo alcalde de Lalín e presidente deste GDR, Xosé Crespo, o conselleiro destacou que este grupo de desenvolvemento rural fose pioneiro na nosa comunidade fomentando a implantación deste distintivo de calidade dende o ano 2018.

Na súa intervención, o conselleiro apostou por impulsar proxectos que funcionen e que se consoliden no rural, xerando emprego e tamén calidade de vida. Proxectos como os dos 30 establecementos que recibiron o diploma acreditativo e a correspondente placa para exhibir no exterior dos seus negocios, que exercerá de garantía e atractivo de cara aos eventuais visitantes e clientes.

En concreto, esta trintena de establecementos foron recoñecidos por completar satisfactoriamente os requisitos do seu ciclo ao abeiro do distintivo Sicted de calidade turística en destino, un modelo de acreditación que traballa con negocios e servizos turísticos de ata 36 oficios diferentes, co obxectivo último de mellorar a experiencia e satisfacción do turista.

Posto en marcha polo Goberno central co apoio da Federación española de municipios e provincias (FEMP), o recoñecemento consta de 6 ciclos mediante os que os establecementos reciben formación e asistencias técnicas individualizadas, debendo superar unha avaliación anual para pasar ao ciclo seguinte.

Cómpre apuntar que cada ano o GDR Terras de Pontevedra Norte inviste unha parte significativa do seu orzamento de dinamización en 100 horas de formación, 85 horas en asistencias técnicas individuais e máis de 100 horas de avaliacións entre os 67 establecementos adheridos ao Sicted a día de hoxe, nunha firme aposta pola calidade como elemento diferenciador do xeodestino Deza e Tabeirós do que tamén son xestores.