Deputación segue a reafirmar o seu compromiso coas grandes festas de interese turístico do destino Rías Baixas -Pontevedra Provincia. A institución apoiará unha vez máis a Romaría Viquinga de Catoira, que terá lugar o 1 de agosto no entorno das Torres do Oeste nun formato especial debido ás restricións sanitarias as que obrigue no seu momento a pandemia. O evento, unha das grandes citas no calendario estival, foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional no ano 2002.
A chegada dos viquingos a bordo dos seus drakkar e o desembarco ao pé das torres do Oeste é unha das imaxes máis populares do verán nas Rías Baixas. A festa regresará este ano trala suspensión de 2020 pola COVID-19 e a frota nórdica volverá a remontar o Río Ulla rumbo á illa de Castrivello, se ben o acto transcorrerá con restricións para garantir a seguridade.
A Deputación aporta 8.000 euros á celebración, na que actuará Álex Casanova, músico oriúndo de Catoira coñecido polo público como Baiuca. A institución dará amais difusión ao evento nas redes sociais e promocionará os recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos de Catoira, chamando a visitar a vila en calquera momento do ano.
A Romaría Viquinga creouse no 1961 e é unha das seis festas de interese turístico internacional das Rías Baixas. Contan tamén con esta declaración a Arribada de Baiona, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), a Feira do Cocido de Lalín, o Corpus Christi de Ponteareas coas súas alfombras florais, e a Festa do Albariño de Cambados. A Deputación colabora na promoción destes eventos de renome, que atraen en condicións normais a centos de miles de persoas á provincia, e proxecta tamén os atractivos turísticos dos territorios para impulsar as visitas durante todo o ano.