Esgotadas as prazas das rutas de Bosques Terapéuticos programadas para xullo


Os baños de bosque polos espazos naturais da provincia seguen a manter o seu tirón como opción de ocio e turismo para este verán. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra xa ten esgotadas as 210 prazas ofertadas para as catorce rutas polos Bosques Terapéuticos programadas para xullo por nove espazos naturais da provincia para as que, amais, conta cunha ampla lista de agarda.

Os itinerarios de xullo comezarán o venres 2 pola Ruta da Pedra e da Auga (en Meis), pola que tamén haberá un percorrido o día 17. Ademais, celebraranse dúas rutas dos baños de bosque polos Salóns do Lérez (os días 3 e 30), polo Espazo natural Arco da Vella (10 e 16), por Cabo Udra (11 e 23), polo Sendeiro azul do río Verdugo (9 e 24) e unha polo Parque Monte Aloia (día 4), polo Bosque da Picaraña (18), pola Senda do Almofrei (25) e pola Fraga de Catasós (día 31). Cada unha das rutas dos parques terá un tema central deseñado especificamente para estas rutas, segundo as características e valores de cada espazo, e sobre o que xirará toda a actividade. Isto fomentará que as persoas poidan participar, se o desexan, nas distintas rutas, sen que se repitan os contidos.

Esta é a segunda edición deste programa da Deputación, que a través dos "baños de bosque" une medio ambiente, exercicio, saúde e cultura cunha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas coa natureza, conxugada coa interpretación do patrimonio.

O día 19 de xullo, abrirase o prazo para as 13 rutas programadas para agosto, que ofrecerán 195 prazas (quince en cada un dos itinerarios). Haberá dúas rutas polos Salóns do Lérez (días 1 e 28); polo espazo natural Arco da Vella (7 e 22); polo Espazo Natural Cabo Udra (8 e 27) e pola Senda de Almofrei (20 e 29), e unha polo Parque Natural Monte Aloia (6 de agosto); pola Ruta da Pedra e da Auga (13); polo Bosque da Picaraña (14); polo Sendeiro Azul do Río Verdugo (15) e pola Fraga de Catasós (día 21). As persoas interesadas poderán anotarse a través da páxina web (www.depo.gal).