O sector apícola galego consolídase


O sector apícola galego aumentou o número de explotacións un 35% nos últimos dez anos e duplicou o de colmeas ata chegar ás 200.000. Un dato que cobra maior peso se se ten en conta que se trata dun dos sectores produtivos máis novos do agro galego, xa que a idade media dos apicultores galegos profesionais é a segunda máis baixa de España, segundo destacou o director xeral de Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na Comisión 7ª do Parlamento.

Recalcou ademais que houbo máis de 80 persoas menores de 40 anos que iniciaron a súa actividade agraria a través da apicultura no período 2016-2019, ao abeiro das axudas de incorporación de mozos convocadas neses anos. “Somos a terceira comunidade autónoma en número de explotacións, 4.663 que representan case o 14% do total-, por detrás de Castela e León e Andalucía”, dixo José Balseiros. Tamén incidiu en que Galicia é a única rexión do norte de España cunha produción significativa de mel baseada, en moitos casos, de especies vexetais distintas das do resto do mel español e amparadas por unha indicación xeográfica protexida propia, a IXP Mel de Galicia.