Turismo da Deputación da Coruña defenderá na feira B-Travel de Barcelona a xestión dos proxectos supramunicipais de parques patrimoniais nos que está traballando xunto cos concellos nun evento en que terá espazo propio e promocionará tamén o proxecto de Reserva da Biosfera das Mariñas. O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, presidirá a delegación promocional nno citado salón.
O modelo de xestión e os recursos do Parque de Ortegal, o do Megalitismo da Costa da Morte, o da Idade de Ferro da Barbanza, o Compostela Rupestre ou o do río Anllóns serán o centro da intervención que realizará o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, no programa da feira de turismo industrial de Barcelona, B-Industrial, dentro do salón internacional de turismo B-Travel. No acto participará tamén o técnico de turismo da Deputación, Angel Eiroa.
"Queremos promocionar en B-Travel o modelo de xestión de cooperación supramunicipal dos parques que se están creando arredor do patrimonio natural e arqueolóxico como ferramentas de especial relevancia para a súa protección, difusión e posta en valor. Levamos un conxunto de proxectos que poden centrar a atención de profesionais que se dan cita na feira de Barcelona que, ao noso ver, é unha interesante plataforma para a súa difusión", sinala Xosé Regueira que participará na xornada profesional de Turismo Industrial nun programa no que tamén se presentará o proxecto de Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, primeiro destino de ecoturismo certificado de Galicia por parte do técnico Diego López e o presidente José Antonio Santiso Miramontes.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, mantivo neste sentido unha xuntanza co responsable de B-Industrial, Josep Maria Pey, no marco de Fitur co fin de concretar a participación na feira e no encontro e destacou as posibilidades que o evento que se desenvolve en Barcelona ten para a promoción dos recursos turísticos do territorio despois da pandemia.
A Deputación da Coruña participará tamén cun stand de 24 metros nos que se distribuirá información de carácter turístico dos xeodestinos e os concellos da provincia. Neste ano B-Industrial ofrece tamén unha actividade de Escape Room arredor da espionaxe industrial na que, entre outros premios, a persoa gañadora recibirá un lote de produtos gastronómicos da Reserva da Biosfera das Maniñas Coruñesas e o Mandeo.
B-Travel é unha feira referente no sector do turismo de experiencias, con zonas expositivas que en cada edición recibe uns 36.000 visitantes e 1.233 profesionais con 189 expositores de máis de 40 países. A feira desenvolverase do 11 ao 13 de xuño