Un amplo estudo aborda a orixe comercial da cidade de Ourense

O vicepresidente da Deputación de Ourense César Fernández e o filólogo e teólogo Alberto Pascual Carballo presentaron hoxe no Pazo Provincial a obra Ordenación medieval do mercado auriense, un amplo estudo editado pola Deputación de Ourense no que Alberto Pascual aborda a orixe comercial da cidade de Ourense a través do análise xurídico, histórico, social e urbano, e das circunstancias que no século XI fixeron posible o asentamento poboacional na Ourense daquela época.

O libro -integrado no plan de publicacións da Deputación de Ourense- conta coa presentación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen salienta que se trata "dun deses traballos necesarios para coñecer a historia de Ourense, que contribúe a pór en valor o noso pasado e constitúe un método investigador baseado na documentación que se conserva nos arquivos da provincia de Ourense, centros de documentación imprescindible".

Nesta mesma liña, César Fernández dixo no acto de presentación que esta obra "nos achega á historia de Ourense a través do mundo dos mercados, unha das fórmulas de relación e desenvolvemento social que marcan a idiosincrasia dun pobo", e salientou a sólida formación do autor en Filoloxía Románica, Teoloxía e Dereito, o que fai que esta obra, froito dunha tese de doutoramento, "presente con máxima rigorosidade unha pormenorizada análise da Ourense medieval".

Alberto Pascual, macedán de nacemento, expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense, institución da que foi técnico e director da Escola de Artes e Oficios, e comentou que o libro recolle a historia da cidade de Ourense no momento no que se restaura a sede Auriense e se constitúe como unha agrupación de persoas, a finais do século XI, "unha época na que resultaba moi difícil vivir aquí ao non contar a cidade cunha muralla, o que provocaba, daquela, unha importante inseguridade".

O autor fixo un repaso polo proceso de investigación que levou a cabo para conformar un libro que analiza a orixe urbana e institucional da civitas auriense no medievo; os aspectos normativos do mercado; a ordenación xurídica local, e o desenvolvemento da actividade económica nesa etapa histórica de finais do século XI, xunguida á restauración da sede episcopal e suxeita á autoridade xurisdicional do seu prelado, baixo os condicionantes substanciais da contención árabe e da repoboación territorial.

Así se foi conformando un núcleo de poboación dedicado ás labores agrícolas e vinícolas, nun espazo urbano folgado e en rápida construción de casas e tendas en rúas e prazas, mesturado de hortas, chousas e soares, no que irán aparecendo mercadores e artesáns. A publicación analiza os factores que afectan á actividade comercial ‒eventos feirais, mercadorías e medios de pago, vías e medios de comunicación‒ e complétase cunha análise das actividades produtivas ordinarias e a circulación de persoas e mercadorías.