A alcaldesa, Inés Rey, presentou o novo ciclo "Riazor Live", que terá lugar no estadio do 18 de xullo ao 5 de agosto, un gran proxecto que suporá a volta dos eventos musicais a Riazor 28 anos despois daquel concerto emblemático dos mil anos. A rexedora sinalou que desde o Concello impulsaron a idea de que en cada unha das seis citas programadas, as cabezas de cartel vaian acompañadas dunha banda local que se irán anunciando nos próximos días: "Temos claro cales son as nosas prioridades e apoiar a música local e galega é unha delas, así que este evento será para eles un escaparate importante de cara a presentar os seus últimos traballos".
Neste punto, sinalou que non quixeron perder a oportunidade de abrir Riazor con música aínda que sexa nun formato reducido de 4.000 espectadoras/es porque supón un sopro de esperanza na volta á normalidade, "que culminará en 2022 co grande evento internacional que todas/os agardamos". Neste aspecto, agradeceu a valentía dos promotores do apartado, que conformaron un gran cartel nestas circunstancias tan complexas, e a implicación e apoio de Abanca e do Deportivo na aposta de converter Riazor "nun referente na celebración de eventos musicais de primeiro nivel". Este reto, engadiu, asumímolo como prioritario no Goberno local que presido e hoxe poñemos a primeira pedra.
As entradas sairán á venda o 29 de xuño, ás 12.00 horas, a través da páxina www.riazorlive.com e en ataquilla.com.
Riazor Live inaugurarase o 18 de xullo co trap latino de Nicky Jam para continuar tres días máis tarde, o 21 co mexicano Carlos Rivera, que presentará en directo "Leyendas", o seu último disco en que homenaxea á música iberoamericana. Seguiranlle o 22 de xullo o arxentino Duki, actualmente principal estandarte do trap no seu país, que estará acompañado no escenario polos alicantinos Funzo & Baby Loud, que están arrasando co seu pop urbano e temas que xa son himnos como "Joven para siempre". O 3 de agosto, un referente como Iván Ferreiro repasará a súa longa traxectoria nunha noite en que Viva Suecia farán as delicias das e dos espectadores máis indies. Hombres G farán rodar o 4 de agosto clásicos do pop e o ciclo pecharase cunha lenda do rap como Kase.O, que celebrará o día 5 os dez anos do seu "Jazz Magnetism".
O promotor José Patiño, da firma Producións Sostibles, asegurou que a iniciativa terá continuidade no tempo e que abarcará todo tipo de estilos como queda confirmado con esta primeira entrega en que se poderá desfrutar de pop, indie, hip hop até de trap e rancheiras mexicanas. O director territorial da Coruña de Abanca, Gerardo Fuertes, sinalou que era unha gran noticia "estar falando dun ciclo porque despois dun ano e medio moi complicado damos pasos adiante" e destacou que con este ciclo contribúese tamén a darlle un impulso ao turismo e axudar un sector tan tocado como o da hostalaría.